Porto do Molle acolle este domingo o I Concurso de Doma Clásica-Nigrán

O Concello de Nigrán e o Centro Ecuestre de Alto Rendimiento Alejandro Nande (Cearan) ofrecen este domingo en Porto do Molle o I Concurso de Doma Clásica-Nigrán, puntuable na liga suroeste 2019. En total, preto de medio cento de xinetes e amazonas de toda Galicia dende a categoría alevín ata a superior competirán neste certame que se celebrará dende as 10:00 horas e que durará ata previsiblemente as 20:00 horas. A pista estará situada frente a nave de Snoop e contará con pulpeiro e unha cantina onde se servirá carne ao caldeiro.

O evento xurde pola iniciativa de Alejandro Nande, veciño de Nigrán cun problema importante de visión que resultou campión de España paraecuestre no 2015 e que acumula decenas de trofeos. «O obxectivo é que sexa unha proba anual que se consolide no calendario», explica Nande.

A Doma Clásica é unha disciplina Olímpica baseada na harmonía entre xinete e cabalo a través da cal se realizan unha serie de movementos de gran dificultade que aparecen indicados seguindo un programa preestablecido nun texto chamado reprise. Os movementos que o cabalo executa, aínda que son naturais para o cabalo, requiren grandes doses de adestramento e preparación do binomio. Os cabalos desprázanse lateralmente, viran sobre si mesmos, cambian de pé ao galope e executan aires de extrema dificultade e beleza como Passage e Piaffe entre outros, sempre observados polos Xuíces que lles puntúan dentro dunha pista de 20 x 60 metros.

Anuncios