Valmiemprega guía a escolares de Vincios polo litoral de Nigrán

A especialidade de Promoción Turística do Obradoiro de Emprego Valmiemprega III realizou o día de hoxe unha visita guiada cos 45 alumnos de 1º y 2º de Primaria do CEIP Serra-Vincios de Gondomar, acompañados do seu profesorado. A ruta denominada «Un mar de area, un mar de sentidos», desenvolveuse facendo un percorrido interpretativo que comezou no ENIL Ecosistema dunar Praia América-Panxón, onde se fixo unha parada para observar o proceso de rexeneración das antigas Dunas de Gaifar. O percorrido a carón de Praia América consistiu na observación da baía de Baiona e todas as súas características xeográficas, os seus límites, cabos, etc.

O alumnado tivo ocasión de coñecer algo máis sobre a historia do turismo nesta zona e da figura de Manuel Lemos, precursor das primeiras edificacións de Praia América, e saber máis sobre a peculiar casa coñecida como Torre Quirosno.

O itinerario completouse cunha volta arredor de Monte Lourido e as súas fermosas panorámicas sobre a baía, a observación de Baiona, o Illote da Garza ou as Illas Estelas, e as Cíes.

Finalizou o itinerario na Foz do Miñor, espazo protexido dentro da Rede Natura, importante polos seus valores ecolóxicos e por ser unha zona de observación ornitolóxica. O remate foi no Parque da Ramallosa.

Anuncios