Gran estrea en Baiona da Liga Española de Vela

Gran estrea en Galicia da Liga Española de Vela – Trofeo Loterías y Apuestas del Estado, que o Monte Real Club de Yates organiza estes días en Baiona por delegación da Real Federación Española de Vela.

As Rías Baixas recibiron este venres á frota de 10 participantes dos diferentes clubs españois que aspiran a converterse no representante nacional na Liga Europea de Vela, un privilexio que se lle concederá ao gañador desta competición.

Na xornada inaugural, a tripulación do Real Club Náutico de Arrecife (Lanzarote), co subcampión do mundo e gañador de varias edicións da Copa do Rei, Leonardo “Nete” Armas á cana, colocouse líder tras impoñerse aos seus rivais nas probas disputadas cun deseño de liguiña de todos contra todos.

Os lanzaroteños participaron en 6 das 8 mangas disputadas asinando catro primeiros postos, un segundo e un terceiro. Tras finalizar a rolda, “Nete” Armas mostrouse moi satisfeito polo gran traballo realizado pola súa tripulación.

“Foron -dixo Armas- probas moi intensas e complicadas, moi curtas e cos barcos moi xuntos, pero tamén moi divertidas. A verdade -asegurou- é que as gozamos moito e os barcos (os Fígaro Beneteau do Monte Real), que estaban en moi boas condicións, non se nos deron nada mal”.

O equipo do Real Club Náutico de Arrecife foi, sen dúbida, o mellor da primeira rolda, e chegará á segunda fase con 9 puntos no marcador, a 3 do seu rival máis directo, o equipo do Real Club Náutico da Coruña, liderado por Miguel Fernández, que vai segundo con 12 puntos.

Na terceira posición sitúase o Real Club Náutico Gran Canarias do olímpico e campión do mundo de 420, Onán Barreiros, que con 14 puntos ostenta o bronce provisional.

Esta primeira xornada da Liga Española de Vela – Trofeo Loterías y Apuestas del Estado celebrouse cunhas condicións que finalmente non foron tan complicadas como se prevía inicialmente. O vento soprou cunha media de 10 nós e picos de entre 13 e 14, e mantívose sen roles durante boa parte das probas, soprando do sur-suroeste.

Os 10 clubs participantes competiron en igualdade de condicións, a bordo dos Fígaro Beneteau do Monte Real Club de Yates. Completáronse, en total, 8 percorridos barlovento-sotavento de dobre voltas con algo máis dunha milla de distancia en total, nunhas probas bastante áxiles que permitiron a rotación dos diferentes clubs segundo o sistema establecido de liguiña de todos contra todos.

A xornada regateira finalizou en terra cunha cea mariñeira á que asistiron todos os clubs participantes e membros dos comités e organización. O sábado, se se cumpren as previsións, a competición retomarase ás 11 da mañá cun programa idéntico, de 10 probas técnicas na baía de Baiona.

A Liga Española de Vela – Trofeo Loterías y Apuestas del Estado finalizará o domingo coa celebración das últimas regatas e a entrega de premios aos gañadores.