O PSOE impúxose con folgura na comarca do Val Miñor provocando cambios tan radicais como en Baiona, onde por primeira vez en 16 anos os socialistas pasaron aos populares por apenas 44 votos. Sen dúbida un cambio na tendencia marcada nos últimos tempos en canto á intencionalidade de voto e que marca os principios dunha transición. En canto a Nigrán as variacións respecto ás Eleccións Xerais de 2016 tamén son significativas, onde o PSOE gañou cunha diferenza de pouco máis de mil cen votos ao PP; mentres que en Gondomar a vantaxe foi un pouco menor, situándose ao redor dos 750. Cabe destacar a caída da agrupación Unidas Podemos en toda a comarca, baixando da segunda á terceira forza máis votada cunha perda media de 7-8 puntos respecto a 2016, e o aumento en xeral do grupo liderado por Albert Rivera, cunha ganancia media do 2,5% en toda a comarca.
Para os tres candidatos populares do Val Miñor o cambio radical producido nos comicios ten unha lectura entre liñas e non é outra que a fragmentación da dereita fronte aos votantes dunha esquerda en masa que se posicionou claramente en contra de Vox. Aínda así o partido da dereita conseguiu unha porción de torta entre o 5% e 5,5% en Nigrán e Gondomar fronte ao 6% logrado na Real Vila. Ademais o aumento de participación do electorado é outro punto que deixa entrever un clima de preocupación no actual contexto alcanzando uns niveis medios que roldaron o 76% do sufraxio activo que se decidiu a pasar polas urnas o pasado domingo, fronte ao 70% de 2016.
Nigrán
A caída estrepitosa do Partido Popular chama a atención ao perder nin máis nin menos que 2.000 seguidores, é dicir, que os resultados obtidos foron un 50% máis baixos que fai catro anos. Uns datos que segundo o candidato Carlos Abal responde o voto “do medo” e aínda que non se poida dicir que a tendencia entre as xerais e as municipais sexa a mesma, Abal admitiu que “as cousas se nos van a poñer un pouco máis difíciles”. El e o seu grupo afrontarán os comicios do 26 de maio con “outras expectativas” aínda que con positivismo. O alcalde socialista, Juan González, pola súa banda mostrouse moi satisfeito cos resultados obtidos ao obter o PSOE un aumento de preto de 1.500 votos, ou o que é o mesmo un 12% máis que en 2016. González destacou a vitoria dos socialistas nas sete parroquias da localidade e mantén que teñen todas as súas esperanzas en que o electorado que se incline aos socialistas non se manteña, senón que aumente para as municipais. González mantén que un dos puntos fortes para que o seu grupo poida optar a unha maioría absoluta é “a boa relación que mantemos cos veciños”. Por baixo das dúas forzas máis votadas sitúanse, por esta orde, Unidas Podemos con sete puntos menos que en 2016, e Cs, que gañou case medio milleiro de seguidores. Como sexta e sétima forza sitúanse o BNG e En Marea, cuns discretos 3,1 e 1,2 % dos votos, respectivamente.
Baiona
O cambio máis significativo de tendencia é, sen dúbida, o producido en Baiona, tras o baixón obtido polo Partido Popular, que rompe diametralmente a tónica da maioría absoluta dos últimos 16 anos. Así pois o PP que, en 2016 obtiña 3.141 votos, o pasado domingo baixou a 2.048, mentres que o PSOE pasou de 1.258 a 2.092, o que os sitúa a 44 votos, arrebatándolle así a súa hexemonía. O alcalde da Vila, Ángel Rodal, destacou a boa participación nos comicios e tamén fixo fincapé no medo a Vox por parte dos electores e declarou que afrontarán as municipais con ilusión, aínda que reiterou que “os resultados obtidos a pasada fin de semana chaman á reflexión pero confío en que esta tendencia rompa en maio”. Cs pola súa banda superou a barreira do milleiro de votos e por baixo do 5% sitúanse BNG e En Marea cun 4 e un 1,2%, respectivamente.
Gondomar
Un total de 9.105 electores decidíronse a pasar polas urnas na Condal, participando activamente na supremacía do voto de esquerdas que se apoderou do resto de municipios e onde engordou en máis de 1.100 votos e 11 puntos respecto a 2016. O PP pola súa banda practicamente os mesmos resultados aínda que no sentido estritamente oposto. Perderon algo máis de 1.000 votos, o que o sitúa a 750 dos socialistas. O alcalde Paco Ferreira pola súa banda mantense confiado en que a tendencia se manteña “para acabar de tinguir o mapa electoral do azul ao vermello”. Así mesmo Ferreira aposta por unha maioría absoluta que afaste ao seu grupo dunha “fragmentación que pon un pouco máis difícil o goberno”, aínda así mantívose cauto e afirmou ter “os pés no chan”. A candidata popular á alcaldía, Paula Bouzós, afirmou que o reflexo obtido o domingo é preocupante, que “é unha proba máis para seguir traballando e tratar de que a traxectoria electoral cambie para maio”.
En terceiro lugar, e como no resto de municipios, sitúase Podemos, que unha vez máis baixa perdendo 7 puntos, Vox estaría en quinta posición con 476 votos mentres que o BNG duplica os seus seguidores nas urnas, aínda así mantense en sexto lugar seguido por En Marea con 207.
A Baiona máis fragmentada dos últimos 16 anos
A pesar de que na vila mariñeira os datos obtidos non foron malos, si que é certo que o pasado domingo marcou un antes e un despois en canto a intención de voto refírese, xa que o de Baiona é un municipio no que o Partido Popular impúxose ao resto de grupos durante 16 anos logrando nas catro últimas municipais maiorías absolutas. A pesar de que non se poden tomar ao pé da letra os resultados obtidos o pasado domingo e aplicalos ás do 26 de maio, estes marcan timidamente a carta de ruta do electorado deixando entrever que os próximos catro anos estarían marcados pola diversidade de cores na Corporación baionesa, e onde quedarían abertos os gobernos en coalición formados por tres ou mesmo ata catro grupos diferentes no peor dos casos. Un contexto parecido ao vivido por Gondomar nos últimos anos e que apunta a un posible cambio.

