O Aceites Abril colócase na cabeza do Trofeo Repsol

FOTO: ROSANA CALVO // O Aceites Abril dos Pérez Canal foi o mellor.

O Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal colocouse na cabeza do Trofeo Repsol, inaugurado este festivo do primeiro de maio coa celebración da primeira das probas previstas no programa da histórica competición do Monte Real Club de Yates, que neste 2019 cumpre a súa cuadraxésimo segunda edición.

O veleiro dos ourensáns, lucindo grímpola do Real Club Náutico de Vigo, foi o mellor da clase ORC 1, completando a regata de 17’61 millas en apenas 2 horas e 23 minutos. Ademais das evidentes habilidades do equipo, nesa rapidez axudou, sen dúbida, o vento, que se mantivo estable e intenso, soprando de compoñente norte e sostido entre os 18 e 20 nós de media.

A de hoxe foi unha regata moi vistosa, con saída no interior da baía, nunha zona moi próxima ás praias, grazas ao cal veciños e visitantes puideron gozar coa espectacularidade dos veleiros. Tras tomar un desmarque, a frota dirixiuse a Carallones, para cinguir ata Subrido, virar alí e regresar cunha popa moi rápida.

Na clase dos grandes barcos, o podio provisional, encabezado polo Aceites Abril, complétano o Grupo Santorum & Martínez de Riveira e o Bosch Service Solutions de Canido. O Yess Too de Rui Ramada, outro dos barcos que prometían dar guerra nesta clase, tivo que retirarse xusto antes da saída por unha rotura de temón.

Na loita polo liderado da 42º Regata de Primavera do Monte Real na clase ORC 2, o que mellor parado saíu na proba de hoxe foi o Unus de Luis García Trigo, do Monte Real Club de Yates, que logrou sacarlles máis de 15 minutos de vantaxe ao resto á hora de cruzar a liña de chegada.

En segunda e terceira posición sitúanse dúas tripulacións con posibilidades de levar algún dos premios finais da competición. Son o Balea Dous de Luis Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira; e o Nahela de Víctor Álvarez, do Club Deportivo Alagua.

Na clase J80, o Okofen domina o podio provisional e se autoproclama claro aspirante á Copa Luso-Galaica de Monotipos J80, que se disputa por primeira vez no marco do Trofeo Repsol e cuxo gañador sairá do podio de vencedores da competición.

A tripulación liderada por Javier de la Gándara volveu a demostrar que son os que mandan na clase de J80 en Galicia, logrando sacarlle 3 minutos de vantaxe ao seu rival máis directo na primeira proba celebrada hoxe.

Séguenlles na clasificación o Marías Casas do Telhado de Manuel María Cunha, e o Cansino de Fernando Yáñez, segundo e terceiro respectivamente, tras cruzar a liña de chegada 3 e 4 minutos detrás do Okofen.

E na outra clase que compite en tempo real nesta 42º Regata de Primavera, a dos Fígaro Beneteau, a vitoria da xornada asinouna o Bouvento, unha tripulación de Repsol que se sobe ao primeiro posto do podio provisional da man de Luis Alcázar.

Nos veleiros de 10 metros do Monte Real tamén volveu competir nesta edición a tripulación liderada por Elena Raga que, a bordo do Serralleiras logrou entrar xusto detrás do primeiro, a apenas 17 segundos del, facéndose co segundo posto e deixando o terceiro para o Silleiro de Miguel Montes, cunha tripulación formada integramente por alumnos da Escola de Vela do Monte Real.

Tras a celebración desta primeira xornada, o Trofeo Repsol descansa durante dous días para volver á auga o vindeiro sábado, 4 de maio, coa que será a segunda xornada de probas e a primeira que se celebrará no fondeadoiro das Illas Cíes.

Alí, a expensas de como se presente a meteoroloxía do día, o comité de regatas con Fernando Giraldo á fronte, deseñará un campo de regatas no que disputar unha proba barlovento sotavento a partir das doce e media do mediodía, e posteriormente un percorrido costeiro.

Do mesmo xeito que este mércores, o sábado pola tarde, unha vez finalizada a competición, o Monte Real Club de Yates ofrecerá aos participantes unha cea mariñeira e degustación de gintonics coa colaboración de Martin Miller Gin e Royal Bliss. Haberá ademais ese día música en directo coa actuación do grupo vigués de música pop La Franga.

Anuncios