Artesanía, obradoiros, pasarrúas, música e moito máis no Mercado Antigo de Sabaryz

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Mercado Antigo de Sabaryz.

O Concello de Baiona xa ten todo preparado para celebrar este mércores, día 1 de maio, a III edición do “Mercado Antigo de Sabaryz”, coa intención de dar a coñecer a historia dun dos mercados máis antigos de Galicia. Unha celebración para gozar con toda a familia na que haberá ademais de postos de artesanía e gastronomía, obradoiros infantís e de circo, pasarrúas, música e baile tradicional, espectáculos de circo, maxia e lume ou un concerto de música antiga.

Os actos comezarán as 10:00 da mañá co disparo de salvas. Ás 11:30 os seres imaxinarios ao son da música, a cargo de Kepler T&T, serán os protagonistas do mercado, facendo pasar un bo ato aos alí presentes, pasarrúas que se repetirá ás 13:15 e ás 18:00 horas. Ás 12:00 e ás 16:30 desfilarán polo recinto o Grupo de Gaitas “A Seneira” e a Escola de Danza Vila de Baiona, que actuarán ás 13:00 horas na Praza Victoria Cadaval.

Pola tarde haberá un espectáculo de circo cómico e aéreos ás 17:00 horas a cargo da compañía “El niño lápiz” e un espectáculo de maxia ás 18:15 da man de Alessio Barli. Ás 18:30 o grupo Manseliña ofrecerá o concerto “Cantigas medievais e tradicionais do noroeste da península Ibérica” na Igrexa de Santa Cristina da Ramallosa, e ás 20:00 horas, Kepler T&T poñerá o broche final á xornada cun espectáculo de lume. Xa ás 21:00 horas o disparo de salvas dará por finalizado o mercado antigo.

Os máis pequenos tamén terán o seu particular espazo de desfrute no “Mercado Antigo de Sabaryz”. Pola mañá, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, gozarán dos obradoiros infantís e circenses nos que poderán realizar un gran número de actividades lúdicas e creativas, a cargo de Matrácala e a empresa Jugacirc.

Ademais este ano como novidade, desde as 11:00 ata as 21:00 horas na Rúa Pereira Troncoso, haberá tamén unha demostración do xogo de bolos celta e do xogo da chave por parte do Club de Bolos A Rega de Sabarís, na cal exhibirán como se desenvolven estes tradicionais xogos e animarán ao público a que participe neles. O xogo de bolos é probablemente a máis antiga modalidade deportiva das que se practican no municipio, cunha antigüidade de ao redor de dous séculos, por iso ao Concello pareceulle interesante tela presente nesta edición do antigo mercado.

O núcleo central da feira será a Praza Victoria Cadaval e estenderase tamén a gran parte da Avenida Julián Valverde, onde se instalarán os postos de artesáns, todos eles con produtos de elaboración propia, e anticuarios. Ademais, establecementos hostaleiros da parroquia instalaranse no mercado e serán os encargados da oferta gastronómica.

Desde o Concello agradecen a colaboración dos comerciantes de Sabarís, que fan posible a posta en escena dun variado mercado con oficios antigos, artesanía e mercadurías da época, postos de comida, música, teatro, maxia, talleres, etc. coa intención de rememorar un dos asentamentos de mercadores con máis historia de Galicia.

Historia do Mercado

A primeira noticia histórica deste mercado remóntase a 1736 onde aparece escrito nun documento antigo, que na ponte de Sabaryz producíanse asentamentos de mercadores e comerciantes, que burlando a Real Provisión que os Reis Católicos concedéranlle a Monte Real en 1497, tentaban vender os seus produtos nos camiños de acceso a Baiona ou agrupándose en lugares como San Antón, O Burgo, a Rúa Real e a ponte de Sabarís, onde eran reiteradamente dispersados e sancionados pola autoridade local.

Non é ata 1838 no que se autoriza e permítese a venda ambulante no devandito emprazamento e o verdadeiro mérito do Mercado de Sabarís está en que desde entón e ininterrompidamente veuse celebrando puntualmente todos os luns ata os nosos días no mesmo lugar. O Concello de Baiona en homenaxe ao Mercado de Sabarís, organiza anualmente unha edición especial de época, rememorando a feira e poñendo en valor a historia, costume e tradición dunha das súas parroquias máis importantes.

Programa

  • 10:00 HS. | Seis disparos de salvas, anuncian o comezo do Mercado Antigo de Sabaryz
  • 11:00•14:00 HS. | RECINTO DO MERCADO | Apertura dos obradoiros infantís: O recuncho do Pintor, minihorta, coiro, dragóns medievais, catapultas e raíñas e reis a cargo de Matrácala, actividades lúdicas e recreativas.
    Apertura do Obradoiro circense onde todos os participantes poden practicar e demostrar as súas habilidades coas pelotas, panos, mazas, aneis, pratos chineses, diábolos, cariocas, zancos de man e pés, hulah hoops, monociclos, pedais e rulos de equilibrio, slackline… a cargo da empresa Jugacirc.
  • 11:00•21:00 HS. | RÚA PEREIRA TRONCOSO | Demostración do Xogo de Bolos Celta e do Xogo da Chave, a cargo do Clube de Bolos A Rega. Participación Libre.
  • 11:30 HS. | Pasarrúas de seres imaxinarios ao son da música percorrendo o recinto da feira, facendo pasar un bó rato ás xentes do lugar. A cargo de Kepler T&T.
  • 12:00 HS. | Pasarrúas a cargo do grupo de Gaitas «A Seneira» e da «Escola de Danza Vila de Baiona» polo recinto da feira.
  • 13:00 HS. | PRAZA VICTORIA CADAVAL | Actuación da «Escola de Danza Vila de Baiona» e do grupo de Gaitas «A Seneira».
  • 13:15 HS. | Pasarrúas de seres imaxinarios ao son da música percorrendo o recinto da feira, facendo pasar un bó rato ás xentes do lugar. A cargo de Kepler T&T.
  • 16:30 HS. | Pasarrúas a cargo do grupo de Gaitas «A Seneira» e da «Escola de Danza Vila de Baiona» polo recinto da feira.
  • 16:30•19:30 HS. | RECINTO DO MERCADO | Apertura dos obradoiros infantís: O recuncho do Pintor, minihorta, coiro, dragóns medievais, catapultas e raíñas e reis a cargo de Matrácala, actividades lúdicas e recreativas.
    Apertura do Obradoiro circense onde todos os participantes poden practicar e demostrar as súas habilidades coas pelotas, panos, mazas, aneis, pratos chineses, diábolos, cariocas, zancos de man e pés, hulah hoops, monociclos, pedais e rulos de equilibrio, slackline… a cargo da empresa Jugacirc.
  • 17:00 HS. | PRAZA VICTORIA CADAVAL | Show de circo cómico e aéreos a cargo da compañía «El niño Lápiz»
  • 18:00 HS. | Pasarrúas de seres imaxinarios ao son da música percorrendo o recinto da feira, facendo pasar un bó rato ás xentes do lugar. A cargo de Kepler T&T.
  • 18:15 HS. | PRAZA VICTORIA CADAVAL | Espectáculo de máxia a cargo de Alessio Barli.
  • 18:30 HS. | IGREXA SANTA CRISTINA DA RAMALLOSA | Concerto do grupo Manseliña. «Cantigas medievais e tradicionais do noroeste da península Ibérica».
  • 19:00 HS. | Pasarrúas de seres imaxinarios ao son da música percorrendo o recinto da feira, facendo pasar un bó rato ás xentes do lugar. A cargo de Kepler T&T.
  • 20:00 HS. | PRAZA VICTORIA CADAVAL | Espectáculo de lume a cargo de Kepler T&T.
  • 21:00 HS. | Seis disparos de salvas anuncian o remate do Mercado Antigo de Sabaryz.
Anuncios