A Comunidade de Montes de Couso candidata a formar parte do Rexistro ICCA da ONU

A Comunidade de Montes de Couso está sendo avaliada para formar parte do Rexistro ICCA da ONU. A documentación e solicitude fora presentada hai máis dun ano, cando principiaba o 2018. Para defender o proxecto desta parroquia gondomareña, desprazáronse á localidade segoviana de Valsaín, onde foi moi ben recibida, estando próxima a resolución deste proceso.

Para poder acceder a este rexistro, xestionado polo World Conservation Monitoring Centre, do Programa de Medio Ambiente de Nacións, valórase a gobernanza do territorio, é dicir, que sexa administrado polos propio veciños, que estea en marcha a recuperación de bosques autóctonos e a eliminación de especies invasoras, a creación dunha paisaxe e dun monte multifuncional, a existencia de biodiversidade…, e as promocións dos medios de vida sustentables.

Tamén esixe e revisa o proxecto de ordenación do monte polo que se marcan as directrices de actuación, as prioridades e a cronoloxía. Dos estatutos da comunidade de montes valóranse os parámetros de gobernanza esixidos, fundamentalmente para comprobar que quen goberna a comunidade é unha asemblea, que se actúa con valores, prácticas, regras e institucións comunitarias. Búscanse comunidades, ben definidas, cunha estreita e profunda relación (de identidade, económica, cultural, etc.) cun lugar ben definido.

Recoñécese que as comunidades locais teñen sido e son axentes fundamentais na conservación biocultural. A aprobación para entrar no rexistro permite dar recoñecemento internacional ao traballo de cada ICCA sobre a conservación da natureza; supón certo grao de protección ao territorio, porque o seu valor é recoñecido internacionalmente; facer estudos globais e rexionais sobre a contribución da ICCA á conservación da natureza; crea unha rede global de TICCA, permitindo ás comunidades aprender unhas das outras e apreciar a súa posición dentro dunha comunidade global de iniciativas similares; ofrece claridade sobre o progreso cara aos obxectivos internacionais de conservación; crear unha base documental e proxección, protección, prestixio, recoñecemento e visibilidade internacional.

De aprobarse a candidatura a Comunidade de Montes de Couso pasaría a formar parte dun selecto e reducido grupo de entidades europeas, que inclúe catro galegas, Froxán, Covelo, Teis e Vilar de Triacastela.

Para os seus representantes é de alto valor que a ONU poida recoñecer esta comunidade, como ben xestionada e sostible. Considérase que este recoñecemento aportará un valor engadido aos produtos ecolóxicos que se produce e comercializan desde a CM de Couso. “Un recoñecemento de exemplo positivos de xestión comunal do territorio por parte dos seus habitantes. O feito de que estes espazos acaden esta distinción internacional pode ser ao cabo o escudo que as protexa ante futuras agresións medioabientais”, destaca o presidente, Xosé Antón Araúxo.