O pasado 27 de abril, unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Vilaboa, durante un control de Transportes, en Vilaboa, deron o alto a un turismo con matrícula portuguesa, no que observan os asentos traseiros tapados cunha lona de cor escura, polo que se solicita ao condutor que abrise o portón traseiro. Baixo a lona leva un total de trinta e dous sacos de ameixa, cun peso de 555 quilos (300 quilos de xapónica e 255 quilos de babosa), non achegando ningunha documentación que amparase o seu transporte, ademais de non resultar un vehículo acondicionado para iso.
Identificado o condutor, veciño de Portugal, di que as ameixas proveñen de Aveiro-Portugal, con destino a Sanxenxo. O feito púxose en coñecemento do Servizo de Inspección Pesqueira da Xunta de Galicia, que se fixo cargo das mesmas para a súa destrución, procedendo a levantar acta denuncia por carecer de guía de transporte, así como por non realizar o mesmo en vehículo axeitado.
Así mesmo, formúlanselle dúas denuncias administrativas por senllas infraccións ao Regulamento de Transportes, unha por exceso de peso, o que supón unha sanción de 301€, e a outra por realizar un transporte de mercadorías perecedoiras en vehículo non adecuado e sen ningún tipo de documentación, o que supón unha sanción de 401 € (ambas as dúas sancións teñen unha redución do 30%). O vehículo queda inmobilizado ata o pago efectivo das mesmas.

