O goberno de Nigrán garante aos hostaleiros que a ausencia de bandeiras azuis non afectará ao turismo

O goberno de Nigrán envía un mensaxe de calma aos hostaleiros de Nigrán preocupados pola ausencia de bandeiras azuis nos areais. Neste sentido, o alcalde, Juan González, insiste en que a decisión de non pedilas «foi moi meditada e previo estudio da situación nos municipios galegos e incluso asturianos que decidiron renunciar a elas».

«Antes de tomar a decisión analizamos casos coma O Grove, onde dende 2016 que non ondean o turismo incluso creceu, o que quere dicir que non é unha cuestión que se mova por estes parámetros. Na afluencia de visitantes inflúen outros factores «, sinala o alcalde, Juan González, quen insiste en que «a ausencia de bandeiras non significará unha merma na calidade dos servizos que se ofrecen nas praias» porque non só se manterán, se non que se poderán ofrecer «sen presións» cos criterios que o goberno local, ao marxe de ADEAC, ven realizando: «A instalación de desfibriladores nos postos de socorrismo ou a compra de material adaptado para bañistas con diversidade o ano pasado foi unha aposta deste goberno, o mesmo que o ano anterior instalamos aseos ou ramplas», engade. Neste sentido, o rexedor insiste en que as praias se cubrirán con socorristas igual que se tiveran bandeira azul, «dende a Mancomunidade se contratarán 34 para Baiona e Nigrán e, como novidade, este ano subiremos o salario ata 1410 €/mes, case 200 € máis que o ano anterior».

«Neste tempo notamos que cando se sube a bandeira non ten repercusión algunha entre a cidadanía, pero en cambio, se por un requirimento calquera ADEAC decide que hai que baixala o impacto si é tremendamente negativo, a xente se alarma, pensa que a praia é insegura ou insalubre cando non é así. Significa traballar baixo unha ameaza e unha presión inxustificada», finaliza González.

O Concello instalou por vez primeira o ano pasado desfibriladores portátiles nos tres postos de socorrismo de Praia América, Patos e Panxón; ou tamén o ano pasado o Concello adquiriu material adaptado para facilitar o baño ás persoas con problemas de mobilidade (5.000 € en tres andadores e tres xogos de muletas especialmente deseñados para o uso na area e unha nova cadeira anfibia que se suma á xa existente). E no ano anterior, 2017, o Concello investiu 45.000 euros na construción de aseos adaptados en Praia América, Patos, Area Fofa e A Madorra, así como na instalación de ramplas de acceso para cadeiras de rodas en Praia América. «A nosa política con respecto aos areais é clara e firme e seguiremos nesta liña pero sen a presión de ADEAC, que chega ao extremo de cuestionar a estética da nosa cartelería na praia, en catro anos tivemos que cambiala tres veces», explica González, quen recalca a aposta do goberno local pola máxima protección medioambiental dos areais, especialmente do sistema dunar Praia América-Panxón.

Anuncios