Sin categoría

Unidas Podemos Baiona considera necesario recuperar o servizo de ambulancia 24 horas

A candidatura ao Concello de Baiona de Unidas Podemos Son En Común, ante a inminente saída do concurso público do servizo de urxencias do 061 de Galicia, destaca a necesidade de recuperar o servizo 24 horas de ambulancias. “Tras case 8 anos de recortes no horario cremos que é hora de que volva ter o horario de 24 horas xa que vivimos nunha situación moi grave ao haber unicamente unha ambulancia con servizo permanente para todo o Val Miñor”, sinalan.

Os técnicos de ambulancias do Val Miñor denuncian a grave situación que vive a comarca, xa que unha soa ambulancia non cobre coa demanda e todos os días teñen que acudir ambulancias desde Vigo co consecuente problema de atrasos na atención de urxencias, que en ocasións pode ser determinante para salvar vidas. Outro problema que denuncian os profesionais é que o servizo de ambulancia non empeza o seu funcionamento ata as 10 da mañá e a maioría das veces xa hai servizos en espera ao estar a única dispoñible para o Val Miñor noutro servizo.

“Un exemplo é o recente accidente na saída da AG-57, onde houbo que esperar a chegada dunha ambulancia desde Vigo ao estar a 24 horas de Nigrán nun servizo e a de Baiona non estaba operativa ata as 10. En Unidas Podemos Son En Común estamos comprometidos coa defensa e a recuperación dos servizos públicos recortados desde hai máis de 10 anos polos gobernos do Partido Popular en xeral e do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ex alcalde de Baiona, en particular”, conclúen.