O Concello de Nigrán declina seguir colaborando coa empresa privada ADEAC responsable de conceder os distintivos “Bandeira Azul”. «Trátase dunha decisión moi meditada tras catro anos detectando falta de rigor e arbitrariedade en ADEAC», sinala o alcalde, Juan González, quen insiste en que a decisión non afectará a calidade dos servizos que se veñen ofrecendo nos areais nin a máxima protección medioambiental. Consecuentemente, o goberno local, como xa fixeron no seu día concellos como O Grove, Pontecaldelas, Barreiros ou Llanes en Asturias (a praia con máis bandeiras do Principado) declinou este ano solicitar as insignias «porque supoñen máis contraprestacións que beneficios para as praias».
«Ningunha organización ecoloxista apoia o certificado, pese a ser supostamente o culme do respecto medioambiental, simplemente é un produto comercial co que non desexamos traballar porque xera unha presión totalmente inxustificada e carente de rigor en aspectos cos que non coincidimos, como por exemplo a súa presión cada ano para que anulemos a festa patronal do Carme en Praia América baixo ameaza de perder a insignia», sinala o rexedor, quen incide en que «isto non repercutirá en absoluto na calidade dos servizos que vimos ofrecendo e polos que seguimos apostando firmemente: praias accesibles, cardioprotexidas e medioambientalmente sostibles».
De feito, dende o Concello insisten en que, ao marxe de ADEAC e por iniciativa do goberno local, o ano pasado instaláronse por vez primeira desfibriladores portátiles nos tres postos de socorrismo de Praia América, Patos e Panxón; ou tamén o ano pasado o Concello adquiriu material adaptado para facilitar o baño ás persoas con problemas de mobilidade (5.000 € en tres andadores e tres xogos de muletas especialmente deseñados para o uso na area e unha nova cadeira anfibia que se suma á xa existente). E no ano anterior, 2017, o Concello investiu 45.000 euros na construción de aseos adaptados en Praia América, Patos, Area Fofa e A Madorra, así como na instalación de ramplas de acceso para cadeiras de rodas en Praia América. «A nosa política con respecto aos areais é clara e firme e seguiremos nesta liña pero sen a presión de ADEAC, que chega ao extremo de cuestionar a estética da nosa cartelería na praia», explica González, quen recalca a aposta do goberno local pola máxima protección medioambiental dos areais, especialmente do sistema dunar Praia América-Panxón.

