Festa do Deporte en Vincios

O Club Deportivo Vincios organiza o sábado 4 de maio no campo de fútbol da Pasaxe a Festa do Deporte de Vincios.

A xornada comezará ás 9:30 da mañá coa Andaina polo Rexurdir do Monte Galiñeiro (12 Kms. e 4 horas aproximadamente) por unha ruta circular con saída e chegada ao Campo de Fútbol de Vincios, polo río Zamáns e Monte Galiñeiro, onde terá lugar unha plantación de frondosas. Poderán participar os maiores de 14 anos, cunha cota de colaboración de 5€ (inclúe seguro de accidentes, responsabilidade civil, avituallamento e bolsa de comida). O pago realizarase antes da saída. Menores de 14 anos gratis acompañados por un adulto. A inscrición finalizará o día da Andaina ás 9:00 horas.

De 16:00 a 20:00 horas haberá exhibición de tiro con arco a cargo do Club Arco Serra de Gondomar, con participación gratuíta para todas as idades. Contarán coa presenza do arqueiro Rubén Rodríguez (Vincios).

Ás 16:30 horas comezará o XXVICros Escolar Santa Mariña totalmente gratis, con carreiras para nenos desde Pitufos (2015-2016-…), Pre-Benxamíns, Benxamíns, Alevíns, Infantís e Cadetes (2004-2005), con trofeos para os tres primeiros clasificados femininos e masculinos e medalla para o resto dos participantes e bolsa de merenda. Poden participar federados e non federados, clubs e colexios.

Tamén ás 16:30 horas iniciarase o Mini Trail (15 km.) mixto a partir de 16 anos, con dous avituallamentos (km. 5 e km. 10) e trofeos para os tres primeiros clasificados femininos e masculinos. O circuíto discorrerá polo Polígono da Pasaxe, río Zamáns e montes de Vincios con saída e meta no campo de fútbol.

Ás 16:30 horas arrancará o VI Dúatlon Santa Mariña, para deportistas a partir de 16 anos, con 1,5 Kms. de carreira a pé e 6 Kms. de bici de montaña con casco obrigatorio e remata con 0,5 Km. de carreira a pé. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados femininos e masculinos, cun circuíto mixto de 10% asfalto e 90% terra polo Polígono da Pasaxe, con saída e meta no campo de fútbol.

Ás 17:30 horas comezará a VI Mini Carreira Santa Mariña (3 Km.) para Cadetes e Absoluta Mixta.

Ás 18:00 disputarase a VI Carreira Popular Santa Mariña (6 Km.), proba absoluta mixta (desde xuvenil ata veterano), con trofeos para os tres primeiros clasificados femininos e masculinos, e medalla para o resto dos participantes. O circuíto será mixto de asfalto e terra polo Polígono da Pasaxe, con saída e meta no campo de fútbol.

Finalmente, de 18:30 a 19:30 horas haberá unha Exhibición de Canicross a cargo do Club Kennel Dean no Campo de Fútbol da Pasaxe. Estarán presentes varios campións de España en diferentes modalidades, con Óscar Piñeiro e Noelia Piñeiro (Mellor Deportista Feminina na Gala do Deporte de Gondomar). Tamén poderán participar nenos e nenas voluntarios nas probas de Canicross, previa inscrición durante a exhibición. Haberá sorteo de agasallos.

As Inscricións poderanse realizar ata o mércores 1 de maio en manolovincios@gmail.com, teléfono 699 670 085 e no Centro Cultural de Vincios, cos datos persoais (nome e apelidos, DNI, data de nacemento, teléfono ou mail e probas onde participa).

A inscrición de 5€ (Mini Trail Dúatlon e Carreiras Populares de 3 e 6 km.) serán pagadas ao recoller o dorsal antes das saídas das probas.