Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas estréase a nivel autonómico en Padrón

Ocupando o segundo posto no ranking Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), o Vigo-Rías Baixas inicia este sábado o segundo bloque da súa tempada. A entidade presidida por José Luis Chamorro disputará a Clásica de Pascua, cita inaugural do calendario amateur en Galicia. Dezaseis corredores compoñerán a aliñación da formación flúor na localidade coruñesa de Padrón.

Samuel Blanco e Carlos Cobos, os líderes do equipo na Copa de España, e Julián Barrientos, segundo clasificado o pasado mes de marzo no Trofeo Concello de Zamora, encabezan o bloque que dirixirá Gorka Beloki. Xunto a eles estarán Lois Rodríguez, Óscar Justo, Pedro Soares, Miguel González, Víctor Hernández, Jorge González, Sergio Arias, Jaime Guzmán, Gabriel Ochando, Santi Martínez, David Domínguez, Alejandro Bayán e Alejandro de Rozas.

Os 125 quilómetros de percorrido inclúen seis portos de montaña puntuables. Os corredores terán que ascender o Alto de Bexo, o Alto do Palleiro, o Alto da Pereira e tres ascensións ao Alto de Formarís. A saída está fixada para as 14:00 horas e espérase coñecer o gañador ao redor das 17:00 horas.

O Vigo-Rías Baixas foi un dos grandes animadores da Clásica de Pascua nos últimos anos, pero a vitoria resistíuselle. A 57ª edición desta carreira tamén servirá aos ciclistas do conxunto olívico para preparar a recta final da Copa de España, o certame máis prestixioso do calendario estatal que se resolverá a próxima semana. O mércores celebrarase a Santikutz Klasika en Guipúscoa e o domingo o Gran Premio Macario en Madrid.