UCN culpa a PSOE e PP polo “estado lamentable de abandono” da rúa Otero Pedrayo

O portavoz do partido Independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, culpa tanto ao PP como ao PSOE polo lamentable estado de abandono en que se atopa a rúa Otero Pedrayo (PO-330), viario de titularidade autonómica e principal arteria de comunicación entre a PO-325 (estrada do litoral) e a PO-552 (Vigo-Baiona), e que ademais, tamén é unha das principais vías que comunica o centro urbano de Panxón e litoral costeiro co interior, e que na actualidade todo o seu trazado está integrado na malla urbana do municipio, polo que non soamente soporta un elevado tráfico de vehículos senón tamén de peóns “que vénse obrigados a utilizar unhas beirarrúas terceiromundistas e intransitables que supoñen un serio risco e perigo para a súa integridade -e que mesmo xa se produciron varios accidentes-, viario que ademais incumpre as elementais normas establecidas no Lei de accesibilidade”.

UCN reprocha ao alcalde Juan González que durante toda a lexislatura non realizase as xestións necesarias ante a Xunta, nin tomado en serio a grave situación en que se atopa un viario estrutural e de comunicación no municipio, máis aló de presentar unha moción -fai agora tres anos e que contou co apoio unánime de todos os grupos políticos-, reclamando á Xunta de Galicia a execución das obras de humanización e seguridade viaria sumamente necesarias e imprescindibles, pero que con todo non fixo xestión algunha, nin tan sequera deu conta á Corporación da falta de resposta por parte da Consellería de Infraestruturas.

“Con todo, sorpréndenos agora coa súa brillante ocorrencia para que a Xunta ceda ao Concello o viario -no seu estado actual de abandono- no canto de esixir primeiro a súa humanización e logo a cesión, pero lamentablemente só busca un titular de prensa para as eleccións”, asegura o portavoz de UCN.

Fernández Comesaña, lamenta a actitude de complicidade do Partido Popular de Nigrán coa Xunta, “por permitir semellante desprezo e atropelo aos veciños, tanto agora por parte do actual candidato Carlos Abal, como a presidenta local, e mesmo o disidente grupo municipal do PP, nin antes tampouco o ex alcalde Alberto Valverde fixo nada para resolver un problema que os veciños levan anos demandando solución, pero que sempre -antes e agora-, atopáronse coa mesma indiferenza e incomprensión duns políticos que non resolven os seus problemas, polo que xa están fartos de falsas promesas e esixen unha solución xa”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios