O BNG de Gondomar presenta este sábado a súa candidatura ás eleccións municipais de maio

O Bloque Nacionalista Galego presentará publicamente a súa candidatura ás eleccións municipais de maio, mañá sábado día 20, nun acto público que terá lugar ás 20:15 horas na Casa da Cultura de Gondomar. No acto intervirán Mercedes Domínguez e Pablo Durán, membros da candidatura, o deputado do BNG, Luís Bará, e a candidata á alcaldía, Manuela Rodríguez Pumar.

A candidatura, que conta con sete independentes das que cinco son persoas mozas, está integrada por persoas comprometidas a diferentes niveis no traballo social, veciñal, cultural, asociativo, feminista, xuvenil, sindical. Un conxunto de persoas que acreditan nas potencialidades de Gondomar e que apostan polo seu necesario cambio político para convertelo na casa de todas e todos.

O BNG convida ás veciñas e veciños de Gondomar a participar neste acto de presentación que tamén será unha boa ocasión para falar, no marco da campaña electoral das eleccións xerais, da necesidade de Galiza volver ter voz propia no parlamento do estado a través do BNG.

Anuncios