Anuncios
Ticker de novas

O Vila do Corpus gaña o IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona en categoría alevín

FOTO: ERIZANA // Vila do Corpus.

Tras a celebración este luns da primeira xornada do IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona, na que participaron os chupetes de Porriño, Val Miñor, Oiense e Erizana, este martes continuou a competición nos campos do Aral e Val de Martín coa categoría alevín. 28 equipos, que sumaban máis de 400 nenos.

A climatoloxía acompañou e o espectáculo foi magnífico. Moita emoción, moitos goles e unha fase final apaixonante que nos deixou remontadas, sorpresas e un equipo campión, o Vila do Corpus, que venceu na final ao Cristo da Victoria por 2-1. O terceiro posto da clasificación foi para o Erizana, e o cuarto para o Racing de Ferrol. Tamén recibiu trofeo o mellor porteiro, que recaeu en Alexandre Bóveda, do Victoria, e o mellor xogador, que foi Pablo Figueroa, do Erizana.

O IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congrega nesta edición a máis de 1.000 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 67 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dos clubs máis importantes de toda Galicia comparten deporte, experiencias e aprendizaxe.

O IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona continuará ata o xoves coas categorías benxamín e prebenxamín.

III Torneo Integra

Na tarde do luns celebrouse o III Torneo Integra de Fútbol Adaptado “laCaixa” no campo de fútbol do Aral, que este ano contou cun cartel de luxo con equipos como o Oviedo, Deportivo da Coruña, Celta e unha selección da Federación Galega de Fútbol Adaptado. Ao finalizar, houbo un acto lúdico no Villa Rosa coa entrega de medallas a todos os participantes desta categoría, na que o premio é o menos importante.

Anuncios
error: Contido protexido