Alberto Meira, terceiro na xeral e primeiro en carrozados na Subida á Saleta

A pasada fin de semana celebrouse a segunda proba do Campionato Galego de Montaña, nun escenario que estaba de volta seis anos despois e onde Pirelli mostrou o seu poderío levándose a vitoria absoluta, a vitoria en turismos, e ocupando tres das catro primeiras posicións.

Pablo Rey realizou unha actuación maxistral, marcando o ritmo desde o sábado en condicións de mollado, onde as Pirelli Cinturato RWA portáronse á perfección, aínda que os cronos do domingo, sobre asfalto máis seco, foron os que decantaron a clasificación final e onde Rey impoñía a súa Formula Outeda Mk4 en ambas as dúas mangas oficiais para empatar co seu máximo rival na xeral do Campionato Galego de Montaña.

Alberto Meira, pola súa banda, dominou durante toda a fin de semana en carrozados, impoñéndose ao volante do seu Citroën DS3 R5 e subindo ademais ao último chanzo do podio absoluto, precedendo á terceira das barquetas, a Silver EF10 de Miguel Ángel ’Maki’ García, tamén calzada con gomas Pirelli, e que tivo que apertar na última das mangas para asegurar o podio.

En canto á II Gara Cup Pirelli, Manuel Senra saíu como vencedor en dita copa a bordo do seu habitual Peugeot 306 Maxi, finalizando ademais terceiro en carrozados. Flanqueando ao de Dumbría no podio desta Gara Cup terminaron Jorge Pérez Alonso e Miguel Suárez, que rodaron con solidez durante toda a fin de semana. Non puideron dicir o mesmo Jorge Coca e Carlos Rodríguez, que se clasificaban cuarto e quinto respectivamente, lastrados por un abandono cada un nas mangas oficiais.

A próxima cita do Campionato Galego de Montaña será a Subida a Santa María de Oia, que tomará parte os días 4 e 5 de maio.

Anuncios