O IEM organiza unha xeira por Allariz e bisbarra

FOTO: TURISMO DE GALICIA // Ponte de Vilanova en Allariz.

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza o próximo día 11 de maio a súa XXI Xeira Alén Miñor á Vila de Allariz e Bisbarra, guiada por Manuel Gallego Alves (Licenciado en Historia da Arte y Técnico de Turismo/Xeitura). A saída do autocar será o sábado ás 8:00 da mañá dende a explanada do pavillón de deportes de Gondomar, con regreso previsto ás 21:00 horas aproximadamente ao mesmo lugar de partida. Para anotarse á xeira haberá que chamar ao IEM aos teléfonos 986 360 575 ou 627 276 816, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal. O prezo é de 45 euros para os socios e de 50 para os non socios, incluíndo a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar, as visitas e os guías. A data límite para realizar o pagamento na conta do IEM ES95 2080 5035 0730 4001 4164 é o 26 de abril.

Algún gobernante, no pasado, dixo que era a “chave do Reino de Galicia”. Lugares, persoeiros e símbolos tan significativos como o “Castelo invisible” (cos seus treitos amurallados), o Convento das Clarisas, ou a estatua do Boi con todas as súas circunstancias pasadas e presentes que vinculan os seus moradores con este animal. O lobishome, preso e xulgado nesta vila, aínda que as súas malfeitorías e falcatruadas sucedesen tamén noutros lugares, etc.

Na contorna de Santa Mariña de Augas Santas atopamos varios monumentos de grande interese relacionados coa lenda da santa: un castro prerromano e un carreiro cunha paisaxe e natureza espectaculares, unha calzada romana moi transitada na Idade Media, unha importante cidade romana (S. I e II despois de Cristo) onde viviu Mariña, unha sauna prerromana e o forno, cuberto posteriormente por unha basílica templaria, no que segundo esa lenda sobreviviu a todas as torturas sen ceder aos desexos de Olibrio, alto cargo romano, ata que foi decapitada, converténdose nunha fonte santa en cada punto no que botou a cabeza.

A primeira construción data da época Constantiniana. Posteriormente, nos albores da Reconquista, levantouse unha igrexa de maiores dimensións que a anterior. Finalmente, foron os Cóengos de San Agustín quen comezaron a construción do actual Santuario, aínda que non remataron a súa obra. Considérase que a igrexa foi construída entre finais do S. XII e comezos do S. XIII, con arranxo ao estilo cisterciense, e moi influenciada pola próxima Igrexa de Xunqueira de Ambía.

O rematar a visita pasearán por unha carballeira senlleira ata as escavacións arqueolóxicas da “Cibdá de Armea” e o conxunto rupestre do Monte Señoriño, castro prerromano.

San Salvador de Penedos (aldea e xacemento arqueolóxico)

San Salvador é un núcleo moi singular situado no corazón da Reserva da Biosfera ourensá, que conta cun gran valor paisaxístico e tamén patrimonial xa que, na súa ermida, se atopa a talla dun Cristo románico crucificado de extraordinario valor.

É, tamén,un elemento arqueolóxico de grande interese. Consérvanse os restos dun castelo medieval practicamente descoñecido. Froito do traballo realizado na contorna, pódense ver dúas zonas diferenciadas: unha plataforma inferior, con dúas tumbas escavadas na roca e unha serie de rebaixes na mesma; e unha plataforma superior onde se localizan os restos do castelo propiamente dito.

En documentos do 1247 aparece referenciado Sacti Salvatoris de Todea nos límites da parroquia de Santiago de Allariz. Este documento non nos fala do castelo pero apúntanos directamente ao nome desa zona como “San Salvador de Tudea”. O Castelo de San Salvador de Todea sería un castelo pequeno, duns 700 ou 800 metros cadrados e cunha estrutura amurallada, nun promontorio bastante abrupto entre dous ríos e de difícil acceso.

Visita ao centro da asociación para a defensa, recuperación e estudo terapéutico da especie asnal. Este centro está situado en pleno cerne da Reserva da Biosfera Alaricana.

É un espazo multidisciplinar, que promove o desenvolvemento de actividades económicas como o pastoreo e a gandería ecolóxica, a produción artesanal, así como a posibilidade de crear un espazo de visita con diferentes servizos para colectivos. Este centro está situado no Pobo de San Salvador, cunha arquitectura rural de gran beleza e unha restauración respectuosa co medio e o seu pasado.

Anuncios