“Paco Ferreira pretendía inaugurar este domingo a Praza Paradela en olor de multitudes”

Tras as declaracións do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, en relación á denuncia interposta por En Marea ante a Xunta Electoral da Zona de Vigo sobre a posible inauguración este domingo da recentemente remodelada Praza Paradela, o portavoz de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, di nun comunicado que “vémonos na obriga de destapar as mentiras do Sr. Alcalde, así como denunciar as súas prácticas caciquís que todos críamos desterradas de Gondomar para sempre”.

Segundo Araújo, a proximidade das eleccións municipais está poñendo nervioso en exceso ao Alcalde de Gondomar, “ata o punto de non reparar no uso de calumnias e mentiras contra quen el considera o inimigo político a bater… mesmo está disposto a saltar por encima da Lei Electoral pretendendo inaugurar este domingo a Praza da Paradela”.

O portavoz de Manifesto Miñor insiste en que Paco Ferreira pretendía inaugurar este domingo a Praza da Paradela, “en olor de multitudes, como fixeron sempre os vellos caciques nas vésperas de eleccións (aínda que agora o negue) a sabendas que a Lei Electoral prohibe expresamente ese tipo de actos”.

Araújo sinala que Manifesto Miñor-En Marea, por respecto ao que debe ser un proceso electoral democrático e limpo, puxeron eses feitos en coñecemento da Xunta Electoral para que actuase en consecuencia no caso de haber indicios delituosos. “Nunca a nosa denuncia foi contra a celebración da Feira de Oportunidades, que non ten ningún problema para celebrarse como pretende enganar e confundir á opinión pública o Sr. Ferreira”.

Finalmente, recorda que Manifesto Miñor sempre votou a favor do proxecto da Praza da Paradela, “aínda que nós faríamos un proxecto diferente e consensuado, menos no Pleno da adxudicación das obras que non puidemos votar por negarnos o Alcalde o acceso á documentación do expediente. Así consta na Acta e no vídeo do Pleno publicados na Web do Concello para quen o queira comprobar. A mentira ten as patas moi curtas, Sr. Alcalde”, conclúe.

Anuncios