O CB Tui e o Estudiantes de Lugo, campións do XIII Torneo de Minibasket de Baiona

Despois de tres días de baloncesto e un total de 74 partidos, este domingo clausurouse o XIII Torneo Internacional de Minibasket de Baiona, coa celebración da fase final ou “play-offs”, cos cuartos de final, semifinais e finais, ademais da entrega de premios.

O torneo, organizado polo Club Baloncesto Baiona conxuntamente co Concello, reuniu no Pavillón de Deportes e no Pavillón do CPI Covaterreña aos mellores equipos de toda Galicia, así como equipos de León, Valladolid e Ponferrada. En total unhas 500 persoas entre xogadores, adestradores, voluntarios e árbitros, aos que hai que engadir familiares e acompañantes.

Os mozos do CB Tui proclamáronse campións despois de derrotar na final masculina ao Estudiantes de Lugo por 30-34, mentres que na feminina as mozas do Estudiantes de Lugo impuxéronse ao CDU Valladolid, cun resultado de 44-35. Os campións do Trofeo da Deportividade foron o Agustinos de León en categoría masculina e o CB Montrove na feminina. O premio ao mellor xogador recaeu en Bosco Ojeda e o de mellor xogadora en Henar Cobas, ambos os dous do Estudiantes de Lugo.

Nesta décimo terceira edición participaron un total de 32 equipos, 16 en categoría masculina e 16 en categoría feminina. Os participantes, de categoría alevín, viviron tres días de convivencia a través do baloncesto, nos que se tenta fomentar a tolerancia e reforzar habilidades para relacionarse cos demais, cooperar e afrontar os conflitos de maneira positiva, entre outros.

Na categoría masculina os clubs participantes foron o Baloncesto Base Costa Ártabra (Ferrol), CB Tui, Novobasket (Vigo), Seis do Nadal (Vigo), Agustinos de León, CB Baiona, Porriño Baloncesto Base, Estudiantes de Pontevedra, Depordima (Ourense), Marín Peixegalego, CB Montrove (Oleiros), Estudiantes de Lugo, Eduardo Blanco Amor (Ourense) e CB Allariz.

Na categoría feminina o Salesianos (Vigo), CDU Valladolid, Baloncesto Base Costa Ártabra (Ferrol), Agustinos de León, Celta Bosco (Vigo), CB 6.25 Ponferrada, Porriño Baloncesto Base, CB Arxil (Pontevedra), CB Baiona, Seis do Nadal (Vigo), Compañía de María (Vigo), Estudiantes de Lugo, CB Montrove (Oleiros), Carmelitas (Ourense) e CB Allariz.

Anuncios