O Obradoiro de Emprego Valmiemprega 3, na especialidade de promoción turística local e información ao visitante, realizou unha visita guiada interpretativa pola Foz do Miñor, para os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria do CEP de Sabarís.
O itinerario comezou dando a benvida na aula didáctica do Centro Antena de Sabarís, dedicada á interpretación da Foz do Miñor, onde recibiron unha pequena charla e información do que logo verían na ruta.
Fixéronse varias paradas ata chegar á Praia da Ladeira, onde se observaron as aves, as especies de plantas da marisma, a zona onde se levaba a cabo o marisqueo, entre outras, para finalizar á beira da zona de recuperación dunar.
O obxectivo destes itinerarios interpretativos é coñecer e valorar o espazo protexido da Rede Natura A Ramallosa, ao mesmo tempo que aprenden a distinguir a fauna e a flora.
A actividade tivo moi boa acollida por parte dos cativos, quen desfrutaron moito da xornada didáctica.






