A Deputación presenta no IES Primeiro de Marzo o libro sobre María Vinyals

Coa presenza da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e as súas autoras, Isabel Blanco e Silvia Cernadas, a Deputación de Pontevedra presentou este mércores o libro “María Vinyals. Un talento rebelde” no IES Primeiro de Marzo de Baiona, diante de 54 rapazas e rapaces de 1º da ESO. O obxectivo deste acto é dar a coñecer a historia de María Vinyals e levar o seu legado a prol da igualdade aos centros educativos da provincia.

A obra está escrita por Isabel Blanco, ilustrada por Luz Beloso, editada pola editorial Belagua, e conta co asesoramento histórico de Silvia Cernadas. A Deputación colaborou na edición e impresión da primeira edición, da que saíron 1.500 exemplares, que se están a distribuír integramente nos centros educativos, mentres que as próximas edicións que se fagan xa se comercializarán.

Ademais da distribución desta obra, a institución provincial tamén está a organizar charlas-coloquio sobre María Vinyals, onde persoas expertas na súa vida afondan na súa figura e dan a coñecela mellor entre as e os escolares. Con esta iniciativa, o que se pretende é seguir reivindicando a figura de María Vinyals, unha pioneira na defensa da igualdade entre homes e mulleres que deixou unha forte pegada na provincia de Pontevedra, en Galicia e no mundo enteiro.

2019-04-10 - D3yqgeqWwAAQOeQ