O CB Nigrán aínda estaba a celebrar o título de liga conquistado polo seu equipo benxamín cando se confirma a consecución doutro título de campión de liga conseguido por outro dos seus equipos. O equipo sénior do CB Nigrán gañou onte na Illa de Arousa proclamándose campión. Foi un partido moi complicado con varias baixas dos seus integrantes nunha cancha sempre difícil e cunha bancada moi envorcada no seus pero, aínda así, lograron facerse coa vitoria que os proclama matematicamente campións de liga.
Este título dálles a opción directa a xogar a fase de ascenso, que xa gañaron a tempada pasada despois de quedar subcampións de liga empatados a puntos co campión. Esta é a segunda tempada que o CB Nigrán conta con categoría sénior desde que volveu á competición despois dun período de nove anos de inactividade.
Trátase dun equipo formado por 13 xogadores entre os cales se atopan algúns que deron os seus primeiros pasos sendo tan só uns nenos nas filas do CB Nigrán hai agora 20 anos. Estes bos resultados deportivos están a traer consigo o incremento de novas incorporacións e no club xa están a valorar a conformación de novos equipos en categorías das que non dispoñen na actualidade.

