O Pavillón Municipal de Gondomar xa leva o nome de Bernabé Costas

Desde este mesmo sábado, o Pavillón Municipal de Gondomar leva o nome de Bernabé Costas, natural de Vincios, xogador de baloncesto en cadeira de rodas. O alcalde, Francisco Ferreira, xunto cos concelleiros Nuria Lameiro, Iria Lamas e José Manuel Chamorro, fixérono oficial durante a celebración da IV Gala do Deporte, entregándolle unha réplica da placa que xa ao finalizar a cerimonia lucía xunto á porta das instalacións deportivas. Visiblemente emocionado e sen palabras, tan só puido agradecer o recoñecemento, e en homenaxe á súa nai, chamarase Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda.

O alcalde anunciara a proposta xusto hai un ano, durante a III Gala do Deporte, na que Bernabé Costas resultou gañador na categoría de Mellor Traxectoria Deportiva. Ferreira considerábao entón “meritorio de todos os eloxios habidos e por haber”, destacando a superación e o esforzo de “un home que estivo na elite”, un exemplo a seguir para Ferreira “como deportista, como persoa e como amigo”.

Bernabé Costas ten poliomielitis desde os seis meses e practica o baloncesto en cadeira de rodas desde os 15 anos, na posición de base. Estivo 10 anos no AMFIV Vigo, fichou polo FC Barcelona catro tempadas (onde explotou como xogador) e volveu ao equipo galego.

Foi internacional coa selección española no Europeo Sub-22 de Francfort (Alemaña) en 2002 e en Malle (Bélxica) en 2004, onde logrou a medalla de bronce. Coa selección nacional absoluta estreouse en 2002 e o seu éxito máis importante chegou co Europeo de Nazaret (Israel) 2011, onde contribuíu á medalla de bronce que clasificou a España para os Xogos Paralímpicos de Londres 2012. Tamén formou parte da delegación española para os Xogos Paralímpicos de Río 2016.

Hai dous anos puxo fin á súa carreira na elite tras proclamarse campión da Challenge Cup co AMFIV, conseguindo así o soño de gañar un título europeo de baloncesto en cadeira de rodas que o club tocou cos dedos en tres ocasiones anteriores.

Anuncios