Nuno Costa e Alice Finot gañan a XX edición do Medio Maratón Vig-Bay

Nuno Costa revalidou este domingo por terceiro ano consecutivo o seu título de campión absoluto no XX Medio Maratón Vig-Bay. Ás 11:00 horas, os máis de 4.000 atletas participantes partían desde a Avenida de Samil para completar os 21.097,5 metros de percorrido por Vigo, Nigrán e Baiona. O portugués fíxoo en 1:06:58, a case 1 minuto de Sergio Sánchez Martínez (1:07:48), que cruzou a meta en segunda posición. O terceiro lugar foi para Jose Manuel Vieito Vilacoba, cun tempo de 1:08:27.

En categoría feminina, a primeira atleta en cruzar a meta situada na Rúa Elduayen foi Alice Finot, que completou o percorrido en 1:15:11. 26 segundos despois chegaba Paula Mayobre González (1:15:37), e pechando o podio, Sandra Mosquera Losada, cun tempo de 1:20:22.

En triciclo, handbike e joelette, a vitoria foi para Jonathan Mirou Pampillón (56:22). Álvaro González Pérez (57:38) ocupou a segunda posición e Miguel Ángel Fernández Pereira (57:45) a terceira. En categoría feminina, a gañadora foi Laura Maquieira Almeira (56:17), seguida de Ana Soaje (1:06:09) e Paula Martínez Santos (1:06:14).

En canto ao I Maratón Vig-Bay, no que participaron máis de 1.200 runners que iniciaron a proba ás 8:15 da mañá, o corredor máis rápido foi Elías Salvador Domínguez Cabral, que completou o circuíto de 42.195 metros en 2:35:03, a 9 segundos de Rubén Pereira Cardalda (2:35:12), segundo clasificado. Henrique Costa, cun tempo de 2:35:25, completou o podio.

Beatriz Fernández Gil fíxose coa vitoria na categoría feminina, cruzando a meta nun tempo de 3:02:19. Pilar Mahamud Isidro (3:17:15) ocupou a segunda posición e Lola Pérez Corvo (3:20:20) a terceira.

No Maratón, o único participante na modalidade de triciclo, handbike e joelette foi Ángel Plácido López Fernández (2:23:24).

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios