Araújo considera unha “cacicada” o nomeamento unilateral do Pavillón Municipal

Antonio Araújo, en nome do Grupo Municipal de Manifesto Miñor, quere facer as seguintes consideracións respecto da Gala do deporte celebrada onte no Pavillón Municipal de Gondomar, xa que asegura “entendo deben ser coñecidas pola cidadanía”.

1.- A canteira de deportistas que temos en Gondomar, ademais dun orgullo, é dunha altísima calidade en todas as disciplinas deportivas. Parabéns aos premiados!!… Isto é así grazas aos propios deportistas, ás súas familias, aos clubs e adestradores que fan esforzos imposibles, ás institucións que nunca axudan todo o que deberían , etc.

2.- A Gala do deporte estivo á altura, no que a medios e gastos se refire, dun concello rico e con superávit, e obviamente, á altura do ego do Sr. Alcalde e dos concelleiros do PSOE que non dubidaron en usar a súa consigna electoral “agora si”. A propia Presidenta da Deputación Provincial comparouna coa entrega dos Oscar de Hollywood.

3.- Paco Ferreira xa nos ten demostrado ata onde é quen de chegar con tal de tirar réditos partidarios ou persoais, pero onte pasou a raia do decoro máis básico co nomeamento do Pavillón Municipal de Deportes.

Bernabé Costas ten méritos abondo, como persoa e como deportista, pra lle dar nome a unha Vila Olímpica enteira… Mais o que onte fixo Paco Ferreira con Bernabé foi moi triste. Fíxoo partícipe dunha cacicada nomeando o Pavillón Municipal e ocultándollo ao resto da Corporación Municipal que ignorábamos semellante iniciativa. Eu mesmo que estiven presente na Gala do Deporte sentín vergoña allea. Os actos de honra, por respecto á persoa homenaxeada, deben ser tratados, consensuados e aprobados por unanimidade nun pleno da Corporación Municipal (os lexítimos representantes do pobo de Gondomar), seguindo un protocolo (Regulamento de Honores e Distincións), cousa que Paco Ferreira non fixo pola súa obsesión electoralista… Tanto Bernabé Costas, como o resto da veciñanza, deben saber que o nome do Pavillón Municipal de Gondomar responde exclusivamente ao interese partidario do Alcalde e do grupo municipal do PSOE… Unha mágoa!!