Adrián e Daniel Covela vencen na cuarta edición da Clásica Manuel Alfaro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Saída da IV Clásica Manuel Alfaro.

Case 60 vehículos participaron este sábado na cuarta edición da Clásica Manuel Alfaro, evento de regularidade para coches clásicos organizado pola familia do lembrado piloto de clásicos que lle dá nome, contando coa colaboración da Escuadra Vigo Clásicos e co apoio imprescindible dun gran número de patrocinadores e colaboradores.

Os pilotos, copilotos e vehículos participantes concentráronse no parque pechado, situado este ano no Centro Cultural “A Camoesa” en Camos-Nigrán, a partir das 12:00 horas, onde degustaron unha típica paella. Alí puidéronse ver vehículos clásicos habituais nos rallyes dos anos sesenta, setenta e oitenta como Mini MKII, Porsche 911, BMW 2002, Ford Escort, Renault Alpine A310, Seat 124, Renault Alpine A110…. e outros moitos. Todos os vehículos participantes teñen máis de 30 anos de antigüidade.

Ás 16:00 horas comezaron a saír os coches do parque pechado, circulando cada trinta segundos, para percorrer diferentes estradas de Nigrán e Gondomar. A partir de aí saíron en dirección Valladares para seguir ruta cara a Tui, onde realizaron unha parada no Paseo da Corredoira, por cortesía do Concello de Tui, para repoñer forzas e continuar cara a Malvas, Tebra, Torroña e Oia, onde terminaron o seu percorrido no Restaurante “Lugar”, para pasar á cerimonia de entrega de premios e cea de fin de rally.

Adrián Covela e Daniel Covela, cun Opel Ascona B de 1977, proclamáronse os vencedores da proba. En segunda posición finalizaron Alberto Espiño e Juan Pablo Cajide, a bordo dun BMW 1602 de 1974, e pechando o podio desta IV Clásica Manuel Alfaro, Jose Antonio González e Pablo González cun BMW E21 323i de 1980.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios