Tres estudantes inician as súas prácticas no Concello de Baiona

Tres alumnos do IES Escolas Proval iniciaron o pasado luns as prácticas das titulacións de Formación Profesional de Técnico Superior en Administración e Finanzas e Técnico en Xestión Administrativa no Concello de Baiona. A duración das mesmas será de 380 e 410 horas respectivamente.

Trátase dunha alumna e dous alumnos que estarán a desenvolver o seu labor nos departamentos de tesourería e biblioteca municipal, poñendo en práctica a formación que adquiriron nos seus estudos durante os dous últimos anos, para así poder mellorar a súa empregabilidade nun futuro.

As prácticas comezaron o pasado 1 de abril e terminarán o 17 de xuño e estarán titorizadas por persoal do Concello e dos propios ciclos formativos do IES Proval.

Cos programas de prácticas que o concello leva a cabo en colaboración con centros formativos búscase que os estudantes teñan a súa primeira toma de contacto co mundo laboral e que os mesmos adquiran esa experiencia e coñecementos que lles permita seguir a súa carreira laboral ou continuar cos seus estudos dunha forma máis alcanzable.

Desde o concello considérase que é unha etapa moi importante e anímaselles a que aproveiten ben estes dous meses e medio de formación práctica, xa que é unha oportunidade de adquirir novos coñecementos que lles axudarán a crecer profesionalmente e completar a súa formación.

Anuncios