O Laroca Mallón-IES Auga da Laxe proclámase campión de liga

Este pasado sábado celebrouse a novena xornada da liga galega de xadrez na que o equipo do Laroca Mallón-IES Auga da Laxe, grazas ao triunfo conseguido en Mos ante o Mos F por 0-4 puntos conseguidos por Ricardo, Mauro, Guillermo e Laura, proclamouse campión do grupo K de terceira división. Os miñoráns remataron a liga invictos con 7 vitorias e dous empates, e tres dos seus xogadores con 100% de vitorias.

Por outra banda na primeira división triunfo do Laroca A no seu desprazamento a Vigo para enfrontarse ao Alekhine-Correduría Tempu por 0,5-3,5, con puntos conseguidos polas vitorias de Mireya, Artai e Sergio e as táboas de Tino. Con esta vitoria os laroqueiros afiánzanse na cuarta posición da clasificación con 21,5 puntos a falta de dúas xornadas para rematar a tempada. O próximo sábado disputarán o encontro na sede de Mallón ante o Grupo Nores Xadrez Marín, que ocupa a sétima posición.

Na segunda división derrota do Laroca B no seu desprazamento a Mos para enfrontarse ao Mos B por 3,5-0,5, medio punto conseguido por Araujo. Con este resultado complícase moito a permanencia a falta de dúas xornadas para o remate da liga. O sábado toca intentar a remontada na sede de Mallón ante o Xadrez Albatros B.

Nesta mesma categoría o Laroca C tamén perdeu ante o Lucena XG, por 1,5-2,5, puntos conseguidos grazas á vitoria de Jorge e as táboas de Lino. Con este resultado sitúanse na sexta posición e garanten a permanencia na categoría a falta de dúas xornadas. O próximo encontro desprázanse a Vigo para enfrontarse ao Mosefesa & The Wailers.