Os veciños do barrio de Zapa en Chaín reclaman o saneamento das súas casas

O pasado xoves os veciños de Zapa, na parroquia de Chaín, recibiron a visita de Paula Bouzós, candidata do Partido Popular de Gondomar, e outros membros da executiva do partido, a quen informaron da carencia de saneamento no barrio.

Nesta visita, solicitada polos veciños ante a falta de resposta do concello ás súas demandas, fixéronlle un resume dos pasos que levan dado para que se lles dote ás súas casas do tan necesitado saneamento. “Tamén lles informamos do esquecemento ao que está abocado o barrio por parte do concello, tal como a falta de mantemento das estradas, as necesidades de alumeado, a limpeza dos camiños, entre outras carencias”.

Os veciños levan reclamando o saneamento dende hai varios anos. “Dende o concello se nos di que non hai cartos para facelo sen que se fixera nin tan sequera un estudo do mesmo para saber o importe do que se está a falar. Nótase a falta de interese do concello, que se centra soamente no centro da vila, tendo descoidadas ás parroquias como está pasando con este barrio. Nunha entrevista que tivemos co alcalde nos dixo que o concello non tiña cartos suficientes para poder facelo”.

Nesta xuntanza, Paula Bouzós manifestoulles que o Partido Popular ten tres accións prioritarias no seu programa de goberno, o Plan Xeral, o Plan Sectorial de A Pasaxe e o saneamento. Recoñeceu que nestes catro anos en Gondomar o goberno se centrou en “poñer bonito o centro da vila” e que se esqueceu totalmente das parroquias, “abandonando á súa sorte aos veciños”. Tamén lles dixo que é unha mágoa que polas liortas internas entre os membros do goberno non se avanzara no Plan Xeral ou no desenvolvemento do polígono de A Pasaxe, dous dos motores esenciais para o futuro e o benestar dos veciños.

O seu compromiso cos veciños é que vai facer investimentos en saneamento en todas as parroquias do concello, e que para iso se necesitaba a implicación doutros organismos públicos, ante os cales hai que facer as xestións necesarias para que atendan as carencias dos veciños. “Recoñeceunos que conseguir o saneamento integral de todo o concello é complicado, pero que facendo investimentos todos os anos se podería conseguir. Tamén nos manifestou que é certo que o concello por si só non ten a capacidade económica para realizar este tipo de obras, pero que fará este proxecto de saneamento, ao igual que outros, tanto en Chaín como nas outras parroquias, para conseguir coa axuda doutras administracións que todos os veciños teñan o saneamento”.

“Os veciños lles agradecemos a Paula Bouzós e aos demais membros do partido que tivesen a decencia de vir ao barrio a escoitar aos veciños e comprobar in situ as carencias que temos”.