O BNG de Nigrán esixe o cumprimento do acordo plenario para a urbanización de Otero Pedrayo

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Estado das beirarrúas en Otero Pedrayo.

A Rúa Otero Pedrayo (PO-3330) é unha vía dun quilómetro de lonxitude que conecta transversalmente as dúas principais vías de comunicación de Nigrán, a PO-552 (Avda. Val Miñor) e a PO-325 (Estrada pola Vía). É, polo tanto, unha estrada primordial para vertebrar as comunicacións do concello, sendo a vía de conexión entre as parroquias de Camos e Nigrán coa de Panxón. Pero, malia esta importancia, presenta un estado lamentable, especialmente as beiravías, que chegan a supoñer un auténtico perigo para a seguridade peonil, incluso con casos de lesións.

Como consecuencia disto, o Concello de Nigrán aprobou xa en 2016, por unanimidade, unha moción do goberno municipal instando á Xunta de Galicia, como titular da vía, a que procedese á súa urbanización e posterior cesión á administración local. No mesmo sentido o BNG ten presentado nos últimos exercicios emendas aos respectivos orzamentos da Xunta, para que esta habilitase unha partida nos mesmos para proceder ao seu arranxo. Emendas sistematicamente rexeitadas polo Partido Popular no Parlamento Galego.

“Dada a importancia que esta cuestión ten para nós, a súa situación foi obxecto de debate na negociación do orzamento municipal do 2018, contando, entre as condicións acordadas co goberno local para que o apoiásemos, a redacción dunha proposta de convenio para remitir á Xunta de Galicia para proceder á urbanización da rúa”, lembra Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG de Nigrán.

Transcorrido o exercicio pasado e a piques de rematar o mandato, este, ao igual que outros acordos, foi incumprido, polo que o Grupo Municipal do BNG proponlle ao Pleno a adopción do acordo, que incluirá a elaboración dunha carta de presentación que deberá acompañar a proposta de convenio, asinada por todos os portavoces dos grupos municipais. A moción establece que o goberno terá que elevar esta proposta de convenio ao seguinte Pleno para o visto bo da corporación.

Anuncios