O Concello de Nigrán, a través do Departamento de Urbanismo, está a aplicar os estudos de microtoponimia contratados nos últimos catro anos para «bautizar» ducias de rúas non inventariadas e sen nome oficial, traballo que se prevé estar rematado no vindeiro mes, xa que actualmente só falta por completar a parroquia de Chandebrito.
O inventario de camiños públicos non é actualizado dende maio de 1999 (tan só se fixo un traslado a soporte informático en 2012) e centos de viarios non figuran nel, dando lugar a moitos conflitos urbanísticos para asuntos como obter unha licenza, obter servizos públicos… «Moitas destas novas rúas que se engadirán ao rueiro municipal xa teñen incluso a placa co nome dende hai anos, pero hai decenas delas que non e, neste caso, os estudos de microtoponimia permiten «bautizalos» do xeito correcto, tal e como o coñecen dende antano os lugareños», sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o patrimonio cultural inmaterial ou patrimonio cultural intanxible forma parte das declaracións da Unesco para salvagardar. «Este ano contrataremos os estudos de San Pedro e Nigrán para completar o municipio. En calquera caso non os encargamos cun fin «urbanístico», pero esta é unha mostra máis da importancia non só cultural, se non práctica, que teñen», indica González».
O Concello investiu máis de 13.000 € nos diferentes estudos de microtoponimia. Grazas a eles toda pequena referencia xeográfica (camiños, campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto queda documentada e xeolocalizada para sempre e sen risco de que se perda. Ademais de realizar un catálogo e actualización dos bens patrimoniais da parroquia se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona.
Deste xeito, o futuro Inventario de Camiños Públicos incluirá xa nomes en Panxón como Camiño dos Campos do Meleiro, Camiño das Paveiras, Camiño da Chavola dos Anillos, Camiño da Pampillona… Todos nomes cos que os lugareños se refiren a eles dende antano. O mesmo sucederá no resto das parroquias.

