Anuncios
Ticker de novas

A Deputación achegará novo mobiliario urbano a Baiona e Gondomar

Dende hoxe mércores, 27 de marzo, os concellos beneficiarios do Programa de Mellora de Espazos Públicos van ir recibindo novo mobiliario e equipamentos para acondicionar mellor xardíns, parques e outras áreas públicas. Na edición deste ano resultaron beneficiarios un total de 23 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, que solicitaron esta iniciativa ao abeiro da convocatoria da Deputación de Pontevedra publicada en setembro do ano pasado.

O Programa de Mellora de Espazos Públicos ten por obxectivo recuperar e adecuar espazos de lecer, para o conxunto da cidadanía, mellorando o seu acondicionamento funcional e estético para convertelos en zonas adecuadas de convivencia da veciñanza. En concreto, a través deste programa, os concellos este ano recibirán bancos, papeleiras múltiples e papeleiras individuais. Os municipios beneficiarios son: O Grove, O Porriño, Salvaterra de Miño, Valga, O Covelo, Baiona, A Illa de Arousa, Vila de Cruces, Meaño, A Lama, Vilagarcía de Arousa, Moaña, Ribadumia, Fornelos de Montes, Ponteareas, A Cañiza, Marín, Salceda de Caselas, Poio, Ponte Caldelas, Gondomar, Arbo e As Neves.

Máis polo miúdo, as actuacións consisten exclusivamente na entrega de material dirixido a xardíns, parques infantís, parques biosaudables, outros espazos verdes ou calquera outro tipo de área de lecer sempre que sexan de titularidade municipal e uso público. En liñas xerais, as subministracións teñen por destino o equipamento novo ou a substitución de elementos existentes deteriorados, quedando excluídos do programa as actuacións de rehabilitación de todo tipo de elementos e a creación de novos espazos públicos.

O ano pasado beneficiáronse desta iniciativa 16 concellos da provincia que puideron mellorar as súas zonas de lecer a través de monumentos, melloras de rotondas e zonas axardinadas ou instalación de bancos e mesas de madeira e granito.

Anuncios
error: Contido protexido