O Coffee&Meal Nigrán, dobre vencedor do concurso gastronómico “Bocados 2018”

As instalacións de Adegas Val Miñor acolleron na tarde de onte a entrega de premios do V Concurso Gastronómico de Mini Cociña de Nigrán “Bocados 2018“. O acto contou coa presenza de representantes do Concello de Nigrán, da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), o xerente de Adegas Val Miñor, Carlos Davila, e con máis de trinta hostaleiros participantes no concurso.

Esta quinta edición do certame obtivo unha extraordinaria aceptación, tanto por parte dos hostaleiros participantes como polos visitantes.

O Coffee&Meal Nigrán, resultou o gran vencedor do primeiro premio na modalidade de 1,50 euros co seu petisco “Horto afumado de tomate e parmesano”. A Tapería A Madorra co seu petisco “Potaxe de Rosa”, e o Restaurante Eladio, ambos os dous de Panxón, co seu petisco “Tosta de lagostinos con verduriñas”, conseguiron alzarse co segundo e terceiro premio nesta modalidade.

Os votos escrutados dos participantes no V Concurso de Mini Cociña deixaron como gañador na modalidade de tapa a 3€ ao Coffee&Meal Nigrán, coa súa tapa «Carbonara de crepe ao wok». O Restaurante Agoeira, coa súa tapa «Gulas con marisco», e o Restaurante La Abadía, coa súa tapa «Lombo de pescada en salsa verde», conseguiron o segundo e terceiro premio, respectivamente.

OVALMI, quere agradecer tanto aos hostaleiros como a Adegas Val Miñor como ao Concello de Nigrán, a colaboración no devandito evento, pois é fundamental o desenvolvemento destas iniciativas para fortalecer un dos maiores alicerces da nosa economía local.

Anuncios