O baionés Jaime Estévez, seleccionado para actuar no III Ciclo de Novos Talentos Musicais

O saxofonista Jaime Estévez Moreira é un dos seleccionados para actuar no III Ciclo de Novos Talentos Musicais 2019 da Asociación Compostela Sound. O concerto do mozo baionés, organizado conxuntamente coa Universidade de Santiago e no que estará acompañado ao piano por Brais González, terá lugar este martes día 26 de marzo ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade. Interpretará “Allemande, Corrente” de J.S. Bach, “Concertino da Camera I-II” de J. Ibert, “Caprice en Forme de Valse” de Paul Bonneau e “Scaramouche I, II, III” de Darius Milhaud.

Jaime Estévez Moreira naceu o 4 de maio de 2001 en Vigo. Dende os tres anos vive na parroquia baionesa de Belesar. Estudou no Colexio de Belesar, no Cova Terreña e agora no 1º de Marzo e forma parte dende neno da Banda de Belesar, onde recibiu as primeiras clases de Javier Domínguez Millán. Tamén formou parte do Club de Baloncesto Baiona moitos anos. Comezou os seus estudos no conservatorio no ano 2009 co seu actual profesor Julio Álvarez.

No ano 2016 obtivo o primeiro premio da categoría xuvenil no concurso internacional de saxofón “Vítor Santos” en Palmela, Portugal. Nese mesmo ano actuou como solista coa orquestra Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave tras ser seleccionado no programa “Peregrinos Musicais 2016”. É elixido saxofón titular pola Orquestra Xove 430 de Vigo e no ano seguinte participa coa Orquestra Sinfónica 430 no seu concerto con Paquito de Rivera.

En 2017 foi invitado ao concerto de novas promesas do saxofón no Conservatori Superior de Música de les Illes Balears incluído no programa do “Mallorca Saxophone Festival 2017”. É seleccionado compoñente da banda sinfónica da Federación Galega de Bandas, participando nos encontros de Agolada (2017) e Ribadavia (2018), sendo dirixido por Jan Cober e Javier Viceiro. Publica un disco (Alcoucer 2017) co seu grupo de música tradicional galega “Os Terribles de Donas”.

No ano 2018 acada o primeiro premio na fase autonómica do concurso Intercentros Melómano na súa categoría de grao profesional.

Ao longo da súa carreira musical participa en diversos cursos internacionais, recibindo clases de profesores como Rodrigo Vila, Jean-Marie Londeix, Marie-Bernadette Charrier, Hilomi Sakaguchi, Nikita Zimin, Lars Niederstrasser, Marcus Weiss, Timothy McAllister, Ángel Soria, Arno Bórnkamp, Antonio García Jorge, Albert Juliá, Federico Coca, Vincent David, Mariano García, David Brutti, Fukio Ensemble, cuarteto Klexos ou ensemble Squillante.

Actualmente é alumno de 6º curso de grao profesional no CMUS Vigo co profesor Julio Álvarez e membro activo da Aula Galega do Saxofón, recibindo clases de Rodrigo Vila.

Anuncios