Máis de medio centenar de pilotos para a xornada Rallyjet en Baiona

Baiona xa loce bandeirolas, xaimas e unha gran variedade de marcas e modelos de motos acuáticas, nun Paddock situado no costado este da Ermida de Santa Marta, cara á Praia da Ladeira, ata sumar un total de 70, que competirán durante a fin de semana no Campionato de España de Motos Acuáticas – Trofeo Concello de Baiona, uns na modalidade de Rallyjet e os outros no Offshore.

Este sábado arranca a primeira delas, o Rallyjet, con 52 pilotos na grella de saída, divididos en 7 categorías e agrupados nas súas subdivisións, como son GP1, GP1 Atmosférico, GP2, GP2 Promoción, GP0, GP4 e Jets.

O epicentro da competición será as inmediacións da Praia de Santa Marta, situándose o crono na Escultura de Soledad Penalta. Repítese o miso modelo de lámina de auga e circuíto de boias que tan bo resultado deu o pasado ano, no mes de xullo.

Na ampla listaxe aparecen inscritos algúns pilotos que en 2020 subíronse ao podio, como o murciano Andoni Gutiérrez, segundo en GP1; o madrileño Carlos Vela, que levou outro ouro en Sports GP1; ou o tamén murciano Amador Ferrer, bronce en Sports GP1.

O Rallyet deste sábado córrese a dúas mangas, unha de mañá, a partir das 11 e ata as 14.00 h, e a segunda pola tarde a partir das 15.00 h e ata as 18.00 h. A entrega de premios deste primeiro día celebrarase diante da Escultura de Soledad Penalta, ás 19.00 h.

O Campionato de España de Motos Acuáticas – Trofeo Concello de Baiona celebrarase os días 12 e 13 de xuño na Vila de Baiona, formando parte do calendario de competición de 2021 por concesión da Real Federación Española de Motonáutica á Real Federación Galega, tendo por principal anfitrión e patrocinador do evento ao Excmo. Concello de Baiona, así como Deporte Galego da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Efectos Navales Jesús Betanzos e masquenautica.com, o apoio loxístico do Porto Deportivo Baiona, o Club Náutico Portonovo e a colaboración do Consello Superior de Deportes, LaLiga Sports, Tierra y Mar Multiaventura, Jet& Bike, Murimar Seguros e TacTic Audiovisual.