Entran a roubar nunha taberna do casco antigo de Baiona

A madrugada do mércores ao xoves os amigos do alleo entraron a roubar na Taberna Abrente de Baiona, situada en pleno centro histórico. Trátase dun establecemento de recente apertura que pertence a un grupo familiar que conta con locais en Santiago de Compostela e proximamente abrirá outro en Vigo. O da Real Vila despacha basicamente churrasco e viño das súas propias adegas, Ribeiro e Barrantes.

Salvador, o encargado do establecemento, relata que “estabamos en Santiago, porque aquí agora vimos venres, sábado e domingo, e despois en maio xa estamos a facer a tempada de verán, e chamáronme os veciños que estaba a porta un pouco forzada, entón viñémonos correndo e cando chegamos xa vimos a desfeita. Forzáronnos a porta, entraron, e claro nós diñeiro temos o cambio, que eran unhas bolsiñas con moedas de euro, 50 céntimos e 2 euros, e en total había uns 100 euros que deixamos”.

Salvador asegura que “foron máis as desfeitas que o que se puideron levar, calculamos entre 400 e 500 euros”, xa que ademais do diñeiro levaron todas as botellas de alcol, “incluso as que estaban a medias”. “Non temos máquina comecartos nin de tabaco, foi alguén que nos tiña controlados”.

Os propietarios xa puxeron a correspondente denuncia ante a Garda Civil, que se desprazou ata o local e investiga o sucedido.