Anuncios
Ticker de novas

Ferreira lembra que a falta de empresa adxudicataria impedía solicitar a rebaixa no canon de Sogama

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, en resposta ás acusacións da candidata á alcaldía do PP, Paula Bouzós, sinala que a proposta da Xunta de Galicia da redución do 10% no canon de Sogama “non deixa de ser unha declaración de intencións e unha iniciativa electoralista que pretende enganar á cidadanía cunha redución no recibo dificilmente posible debido á dificultade de non poder acreditar o seu cumprimento na redución da tonelaxe enviada a Sogama, un gasto engadido na implantación de contedores, recollida e retirada a planta do resto de orgánico”.

Ferreira lembra ademais, que no caso de Gondomar, debido á falta de empresa adxudicataria encargada da recollida de residuos, a súa situación da prestación do servizo en precario, “facía inviable a posibilidade de acollerse a bonificación do recibo por incumprimento dos requisitos establecidos, o que obriga ao Concello a primeiro implantar o servizo legalmente e para o ano de ser o caso adherirse a Sogama”.

O alcalde tamén lembra a Bouzós “que non esqueza en que situación deixou o PP o servizo da recollida de lixo, e que tivo que ser este goberno o que leva a cabo o proceso de licitación do servizo para axustalo á legalidade”. Servizo que finalmente comezará a funcionar o 1 de abril. A partir de aí, Gondomar cambiará e terá un servizo acorde ás súas características demográficas e poñerá en marcha novas campañas de reciclaxe e concienciación cidadá, así como a reposición de contedores, medios humanos, técnicos e materiais.

“A Xunta unha vez máis, pasa a responsabilidade de determinados servizos aos concellos e entra a inmiscirse no funcionamento dos mesmos, incluso propoñendo rebaixas nos recibos (como é o caso), pero sen financialos ou dotar aos concellos de medios económicos e recursos para poder afrontalos. Esta iniciativa popular, non é máis que gobernar cara á galería e con iniciativas electoralistas e enganosas cara á cidadanía, cousa habitual no goberno de Feijóo, que a Sra. Bouzós acata cos ollos pechados, antepoñendo os seus intereses persoais por encima dos intereses xerais dos gondomareños” conclúe o alcalde, Paco Ferreira.

Anuncios
error: Contido protexido