Continúa o Mes da Muller en Nigrán con dúas proxeccións sobre o seu papel na industria do mar

Concello de Nigrán e CineClub Val Miñor “Alice Guy”, dentro da programación municipal do “Mes da Muller”, colaboran este venres 22 de marzo para ofrecer no Auditorio Municipal dende as 19:30 horas unha xornada dedicada ao seu papel na industria do mar. Primeiramente realizarase un pase dunha brevísima reportaxe no que distintos traballadores e traballadoras reflexionan sobre vinculación laboral da muller co mar, unha proxección froito dunha enquisa feita pola Universidade de Vigo e Opromar. Posteriormente, ofrecerase o documental de José Gil “Talleres Alonarti-Sociedad La Artística”, gravado polo famoso fotógrafo e documentalista entre 1925-1928 e que nos achega polo miúdo á importante auxiliar viguesa da industria conserveira. Finalmente, mulleres xubiladas tanto de “La Artística” como de diferentes industrias conserveiras protagonizarán un coloquio moderado pola xestora cultural e produtora María Cano Martínez.

A cinta “Talleres Alonarti-Sociedad La Artística” foi restaurada polo Centro Galego de Artes da Imaxe. É unha película muda de 35 minutos estruturada en tres partes con intertulios en castelá. O empresario vigués Eugenio Fadrique fundou a sociedade La Artística en 1906 como auxiliar da puxante industria conserveira galega. Fadrique era un gran cinéfilo e mantiña amizade co director de cine, José Gil, quen se encargou da filmación entre 1925 e 1928. Este afamado artista foi un dos pioneiros do cinema galego, comezando a realizar filmes en 1907, primeiro simplemente para darlle publicidade o seu estudo fotográfico, pero logo comezou a facer películas documentais centradas en Vigo. Gil inventou, ademais, o chamado cine de correspondencia, pois o cineasta comprendía a importancia das imaxes como correo visual entre Galiza e a emigración. Utilizadas como se fosen cartas ou postais, as súas películas ían e viñan desde aquí até Sudamérica, para que as visen os emigrantes; “Nuestras fiestas de allá” é a máis coñecida. En 1922 fundou a produtora Galicia Cinegráfica que a partir de 1929 realizou o noticiario cinematográfico Revista de Galicia. Estímase que realizou máis de 150 filmes.

Anuncios