Cobos e Blanco non se deixaron sorprender polo vento en Ontur

Cumpriuse o prognóstico e a cuarta carreira puntuable da Copa de España Elite e Sub-23 resolveuse este xoves ao sprint. No grupo duns 40 corredores que se presentaron xuntos na recta final do G.P. Primavera de Ontur estiveron os dous xefes de filas do Vigo-Rías Baixas. Carlos Cobos e Samuel Blanco non se deixaron sorprender polo vento, o factor máis determinante na proba do certame estatal que menos se adaptaba ás características dos corredores da estrutura que preside José Luis Chamorro.

O percorrido de 156 quilómetros pola provincia de Albacete respondía a un perfil chairo e as únicas dificultades montañosas eran dous portos de terceira categoría. Antes de que empezasen a ascender as ramplas do primeiro, formáronse os esperados abanicos e o Vigo-Rías Baixas conseguiu meter no grupo de cabeza aos seus dous representantes que mellor clasificados están na xeral da Copa de España.

Os escaladores do conxunto que dirixe Gorka Beloki puideron gozar do seu terreo nas dúas subidas puntuables. Cobos coroou en cuarta posición o Alto da Moa (km 94) e pasou segundo pola cima do Alto da Galera. Desde ese punto ata a liña de meta restaban 22 quilómetros de tendencia favorable e 38 ciclistas xogáronse a vitoria nas rúas de Ontur.

Nahuel D’Aquila (Mutua) impuxo a súa punta de velocidade nunha chegada na que Cobos ocupou o 17º posto e Blanco entrou 24º. A 3 minutos e 12 segundos terminou o pelotón máis numeroso co costarriqueño Sebastián Moya (47º) e o arxentino Julián Barrientos (78º) lucindo a camisola rosa do Vigo-Rías Baixas. Máis tarde, a 14:54, completaron a proba Gabriel Ochando (96º) e Sergio Álvarez (102º). Por equipos a formación olívica obtivo a oitava praza.

Tras a estrea da clásica de Ontur no calendario da Copa de España, tanto Blanco como Cobos ceden cinco posicións na xeral. O redondelán sitúase 15º con 91 puntos e o estremeño, 17º con 83. O certame estatal terá unha nova cita este domingo coa disputa do Memorial Pascual Momparler en Villanueva de Castelló.