Alumnos do Colexio Estudio de Chandebrito saben máis sobre os delitos de odio

FOTO: COLEXIO ESTUDIO // Charla da Garda Civil sobre delitos de odio.

Os alumnos e alumnas de 5º e 6ª de Primaria e todos os de Educación Secundaria do Colexio Estudio de Chandebrito recibiron este luns senllas charlas sobre os delitos de odio impartidas por dous efectivos da Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán, José Ángel Fernández Fontenla e María Luisa Cajide. Cada exposición adaptada ao seu nivel co fin de facerlles coñecedores de que son delitos de odio, como se lexislan e como evitalos.

Con esta iniciativa preténdese achegar aos menores información sobre como actuar ante un delito de odio, por motivos racistas, antisemitas e outros referentes a ideoloxía, relixión ou crenzas, orientación sexual, enfermidade ou discapacidade e outros feitos discriminatorios, no marco do “Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas”, que ten como obxectivo axudar a previr os problemas de seguridade e de convivencia que poden afectar á poboación máis nova.

Os axentes explicaron aos escolares que son os delitos de odio segundo a lexislación española, como, ante que institucións e por que se debería denunciar un delito de odio por unha vítima ou outra persoa que ten coñecemento dun delito de odio ou que medidas podería adoptar unha vítima ou unha testemuña dun delito de odio. Desde o centro están convencidos de que a educación e o coñecemento da realidade é fundamental para a mellora social.

O plan ofrece diferentes actuacións á comunidade educativa: reunións con expertos policiais, charlas co profesorado e as ANPAS, charlas co alumnado sobre problemas de seguridade e acceso permanente a un experto policial ao que consultar calquera problema relacionado coa seguridade ou convivencia e mellora da vixilancia da contorna escolar. A iniciativa tamén serve para achegar á Garda Civil á poboación, e que os escolares teñan un contacto máis directo con eles.

Anuncios