O Enterro do Kiko pecha este sábado o Entroido de Nigrán

O Concello de Nigrán pecha este sábado 16 de marzo co “Enterro do Kiko de Parada” a programación do Entroido deste ano. O Kiko, que permanece exposto na entrada do Auditorio Municipal , será trasladado ás 18:30 horas por un carro de bois e un amplo cortexo fúnebre ata a parroquia de Parada, onde se celebrará o velorio e a posterior queima no recentemente renovado torreiro. O Concello consolida deste xeito unha celebración con gran arraigo na parroquia e que hai catro anos se decidiu potenciar co percorrido dende o Concello ata a rúa Telleira grazas á colaboración do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, os promotores desta tradición.

Os actos comezarán coa actuación da charanga “Vaite Xa” dende as 17:30 horas polo centro de Nigrán, chegada do carro de bois e bendición do Kiko ás 18:00 horas e saída do cortexo fúnebre dende a Praza do Concello ás 18:30 horas cara Parada (unha parella de bois levará ao Kiko e diferentes comparsas e unha charanga o acompañarán ata a rúa Telleira para retomar a procesión en Parada). A previsión é que chegue ao Torreiro de Parada ás 19:00 horas coa comparsa “Parada Espanta” para velalo e, a continuación, ás 20:30 horas, o cortexo fúnebre trasladará ao Kiko para a lectura do pregón e a súa queima ás 21:30 horas. A partir das 22:00 horas haberá unha gran verbena popular a cargo do grupo “Trío Azar” e dende a medianoite os Djs Toni&Yogüi.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis alá do interese local.

Anuncios