Nigrán Decide denuncia que a tramitación do PXOM está paralizada

Nigrán Decide denuncia nun comunicado que o goberno local ten paralizada a tramitación do PXOM, xa que non envía o documento a Augas de Galicia, Portos de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas e ao Servizo Provincial de Costas, para que sexa informado.

Cómpre destacar que durante a rolda de visitas ás parroquias para presentar o documento de aprobación inicial do PXOM, realizada a finais de setembro de 2018, o goberno informou que a Dirección Xeral de Patrimonio dispoñía dun prazo máximo de 3 meses para contestar e se pasado ese tempo non contestaba, a resolución é favorable, tal como di a Lei do solo. Finalmente o documento do PXOM foi enviado o 17 de outubro de 2018 á Dirección Xeral de Patrimonio, polo que o prazo para informar finalizou o 17 de xaneiro de 2019. Como a Dirección Xeral de Patrimonio non contestou a resolución é favorable segundo Nigrán Decide, polo que o goberno, tal como anunciara nas reunións informativas, tiña que enviar o documento do PXOM a Augas de Galicia, Portos de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas e ao Servizo Provincial de Costas, para que fose informado.

Sen embargo, contestando preguntas formuladas no pleno do mes de febreiro polo grupo de Nigrán Decide, o goberno di que non enviou a documentación, polo que a tramitación do PXOM está actualmente paralizada.

«O goberno non pode alegar que non o envía por seguridade xurídica, tal como afirmou no último pleno, pois a seguridade xurídica está marcada na lei e esta di claramente que, se non se contesta en prazo, o informe de Patrimonio é favorable», sinala José Cuevas, para engadir que «esta parálise só pode responder ao medo do goberno a que antes das eleccións municipais o PXOM tivese algún informe desfavorable dalgún destes organismos ou que, na realidade, a documentación que lle foi mostrada á veciñanza, non sexa a que finalmente se envíe a estes organismos».

«É unha pena que a cuestión máis importante para Nigrán, como é o PXOM, estea paralizada por motivos electorais e a realidade é que pasados catro anos atopámonos practicamente igual que ao comezo do mandato», sinala Cuevas, para engadir que, «se ben toda esta demora non é totalmente responsabilidade do goberno, si ten unha responsabilidade importante: primeiro, por non facer cumprir os prazos do contrato de redacción do PXOM e, agora, por non enviar o PXOM para que sexa informado. É por iso polo que no pleno deste mes o grupo municipal de Nigrán Decide pedirá a comparecencia do Concelleiro de Urbanismo, para que dea contas da súa actuación durante este mandato, especialmente no referente á tramitación do PXOM», finaliza Cuevas.

Anuncios