Anuncios
Ticker de novas

Gondomar pon en marcha o novo servizo de recollida de lixo e limpeza viaria

Despois de dez anos prestando un servizo de recollida de residuos nunha situación precaria que xeraba reparos por parte do Departamento de Intervención e sen estar adecuado ás necesidades actuais, Gondomar desde este próximo 1 de abril, terá un novo servizo de lixo.

Hoxe, asinouse en dependencias municipais o novo contrato coa empresa adxudicataria FCC-Ingeser por un importe de 774.000 euros anuais, despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública dese a razón ao Concello resolvendo desestimar as alegacións presentadas pola empresa GESECO e ordenando levantar a suspensión do proceso.

A nova empresa prestará o servizo de limpeza viaria, vixilancia e xestión do punto limpo municipal, e de recollida de residuos orgánicos, envases lixeiros, papel e cartón, vidro, voluminosos, restos vexetais, e outros residuos como as pilas, exercendo a maiores o control e vixilancia dos puntos de verteduras.

Este contrato supón importantes melloras. No referente ao momento limpo, mellórase a sinalización mediante a colocación de cartelería tanto no interior como no exterior, para facilitar ao usuario a correcta identificación das distintas áreas de depósito, procédese a cubrir a zona de almacenaxe onde se almacenarán temporalmente os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, instálase un sistema de videovixilancia para garantir en todo momento a seguridade deste centro. Mellora considerablemente o servizo de recollida e tratamento de restos de poda a particulares no termo municipal, ao aumentar o número de xornadas para este servizo, e o número de contedores para este tipo de depósitos. Tamén se prestará servizo de recollida de animais mortos.

No que fai referencia aos medios para o servizo de limpeza, instalaranse novos contedores en todo o termo municipal aumentando de forma considerable en número, combinarase a carga lateral e traseira nos servizos de recollida, e en relación á limpeza viaria contémplase varridos manuais e mecánicos das rúas e beirarrúas, baldeos, limpeza de alcorques, limpeza de excrementos de animais, retirada de carteis, pancartas e bandeirolas, limpeza de herbas, matoxos, rozas, limpeza por caída das follas das árbores, limpeza de pintadas e actuacións puntuais por continxencias meteorolóxicas.

Outro dos puntos a destacar neste contrato, é que non supoñerá ningún despedimento de traballadores, xa que a empresa adxudicataria ten o compromiso de subrogarlos.

“Foi un longo e complexo proceso de contratación, que se iniciou en xullo do 2017, non só a nivel técnico, facendo referencia ao número de mesas de contratación e informes que foron precisos, senón tamén a nivel político. Polo montante económico, este tema necesitaba a postura favorable da maioría absoluta do pleno, é dicir, 9 dos 17 concelleiros, obtendo o voto a favor dos 4 edís socialistas, os catro populares e dous independentes, sen contar co apoio dos propios socios de goberno, Manifesto Miñor, absténdose na votación e manifestando publicamente nese pleno as súas dúbidas sobre ese proceso, insistindo na necesidade dun novo informe técnico aclaratorio, o que ao final supuxo o desencadenamento, ante a gravidade destes feitos, da súa expulsión do goberno”, lembra o alcalde, Paco Ferreira.

O rexedor lamenta o atraso na implantación do servizo “debido aos obstáculos da oposición e dos propios socios de goberno de Manifesto Miñor, así como a actitude e comportamento do propio Araújo que ostentaba a Concellería de Medio Ambiente e que lonxe de axudar a buscar solucións só se dedicou a entorpecer e verter acusacións contra o goberno e contra a mesa de contratación, acusándolles de irregularidades inxustificadas. Agora o alto tribunal dá a razón ao alcalde e felicítalle polo procedemento debidamente escrupuloso coa legalidade”.

“Este servizo, que terá que estar implantado en catro meses na súa totalidade, dará un cambio de 180 graos á realidade actual e fará de Gondomar un referente nas políticas de reciclaxe e do medio ambiente”, asevera o alcalde, que se pon como obxectivo o recoñecemento da “escoba de prata para o ano 2020”, pola eficacia do servizo.

Anuncios