Anuncios
Ticker de novas

A Plataforma “Galiza, Un Futuro sen Carbón” apoia as mobilizacións estudantís polo clima

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” apoia a folga estudantil polo clima convocada en todo o mundo para mañá 15 de marzo. Fai un chamado a toda a cidadanía a sumarse ás mobilizacións convocadas polo alumnado nas prazas de diversas cidades e vilas galegas, en demanda de accións para reducir rapidamente as emisións de gases causantes de cambio climático. Hai convocadas folgas, concentracións e/ou manifestacións cando menos na Coruña, Ferrol, San Sadurniño, Ares, Ourense, Vigo e O Porriño.

Para “Galiza, un futuro sen carbón” resulta esperanzador e alentador a conformación dun movemento xuvenil global que demanda respostas políticas ambiciosas fronte á crise climática. Agarda que se fortaleza e multiplique na nosa terra. Agradece ao movemento estudantil impulsor da folga climática o seu compromiso e esforzo nun intre crucial na loita contra o maior problema socioambiental global.

Os “Venres polo Futuro” lembran a urxencia de mitigarmos o cambio climático antes de que sexa demasiado tarde. Galiza será un dos países europeos máis afectados polo quentamento global. Tamén é, en termos relativos, un dos seus principais responsábeis, pois as súas emisións territoriais por habitante de gases con efecto invernadoiro son moi elevadas, superando a media española e europea. Un terzo procede da queima de carbón en centrais térmicas para producir electricidade.

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” é o nodo galego da plataforma Europa, máis alá do carbón. Está formada por ADEGA, Amigos da Terra, ANABAM, APDR, Arquitectura sen Fronteiras, Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Feitoría Verde, Co-mando Ghichas (Val Miñor), Greenpeace, Nosa Enerxía, Petón do Lobo, Plataforma contra a mina de Touro-O Pino e Verdegaia.

Anuncios