O Vigo-Rías Baixas ensina os dentes no Trofeo Guerrita e Blanco termina décimo

Apareceu a montaña na Copa de España e con ela as boas sensacións do Vigo-Rías Baixas. O conxunto presidido por José Luis Chamorro foi un dos principais animadores do Trofeo Guerrita, segunda proba puntuable do certame estatal disputada este domingo en Alcantarilla (Murcia). Un sobresaliente traballo colectivo que obtivo como recompensa a presenza no top-10 de Samuel Blanco e a cuarta praza na clasificación por equipos.

As dúas subidas ao Alto da Perdiz estaban chamadas a marcar o desenlace dos 155 quilómetros de percorrido e os pupilos de Gorka Beloki pasaron ao ataque, tal e como planificaran, nas ramplas deste porto de 1ª categoría e 14 km de lonxitude. O costarriqueño Sebastián Moya saltou do pelotón na primeira ascensión, cando por diante marchaban varios ciclistas fuxidos. Paulatinamente foi superando aos corredores que ían perdendo contacto coa escapada ata alcanzar a cabeza de carreira.

No segundo paso pola Perdiz, o representante centroamericano do Vigo-Rías Baixas quedou liderando a proba xunto a Eusebio Pascual (Caja Rural). Moya acabou cedendo ante os cambios de ritmo do seu acompañante, mentres por detrás Samuel Blanco movíase e coroaba o porto en segunda posición. Desde a cima restaban 50 km a meta.

No descenso, os primeiros se reagruparon e entre os 30 ciclistas que compoñían o grupo principal había catro representantes da formación olívica. Con todo, a sorte non acompañou na baixada aos ciclistas que visten de rosa nesta Copa de España. Carlos Cobos caeu, volvendo conectar coas primeiros grazas ao esforzo do seu compañeiro Sergio Álvarez, e máis tarde Moya tamén deu cos seus ósos no chan. Dúas caídas sen consecuencias físicas.

Cos dous xefes de filas do Vigo-Rías Baixas entre os elixidos, o Trofeo Guerrita terminou resolvéndose ao sprint e Kiko Galván (Lizarte) impuxo a súa punta de velocidade. Blanco obtivo a 10ª posición e Cobos a 20ª. A 3:58 do gañador entrou Moya (31º), a 6:45 finalizou Álvarez (60º) e Jaime Guzmán (76º) chegou a 15:02. Esta actuación colectiva outorgou ao equipo a cuarta praza na táboa por escuadras.

A Copa de España Elite e Sub23 volverá rodar o vindeiro domingo coa Aiztondo Klasika, en Guipúscoa.