Nigrán inaugura a mostra “Unha mirada de antano” co reto de identificar á campesina de Camos

O Concello de Nigrán inaugurou hoxe no Auditorio Municipal a exposición “Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, un proxecto que é posible grazas á colaboración entre o Concello de Nigrán, ABANCA e Afundación. Ao acto, que incluíu unha visita guiada, acudiu o alcalde, Juan González Pérez; o director Territorial de ABANCA, Walter Álvarez; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores Fernández.

O Concello inaugura esta mostra, que permanecerá aberta ata o 31 de marzo, co reto de identificar unha das fotos máis señeiras tomadas por Ruth Matilda Anderson en Galicia e a única coñecida de Nigrán: unha anciá labrega de Camos fotografada o 11 de marzo de 1926 e da que non se dispoñen de máis datos. «Facemos un chamamento aos veciños de Camos para que indaguen entre as súas familias para ver se conseguimos poñerlle nome a esta muller», sinalou o alcalde, quen recordou que, precisamente, a exposición supón o inicio dos actos do Concello de Nigrán polo 8-M.

Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. Nesta mostra préstase especial atención á comarca con imaxes de Baiona ou Vigo. A exposición, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata 31 de marzo, de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas e xoves, venres e sábados, de 17:00 a 20:00 horas.

Esta colaboración é parte do proxecto “Corrente Cultural”, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.