O Val Miñor volve sumarse á Folga das Mulleres do 8M

O Val Miñor súmase este venres 8 de marzo á Folga das Mulleres. Haberá diferentes puntos de quedada ás 11:50 horas para saír en marcha cara Ramallosa. En Baiona, desde o porto pesqueiro, en Nigrán desde a Praza do Concello e en Gondomar desde a Praza de Abastos. Ás 13:00 horas, todas xuntaranse na Ramallosa.

O Día Internacional das Mulleres Traballadoras (8 de marzo) conmemórase dende fai máis de cen anos, a raíz dun incendio nunha fábrica téxtil en Nova York no que morreron 149 traballadoras que loitaban pola mellora das súas precarias condicións laborais. Dende entón, neste día, reivindícase a igualdade de dereitos da muller con respecto ao home, e lémbrase que aínda non se teñen acadado.

Algúns datos que poñen esta situación:

  1. O 54,4 % das mulleres no mercado de traballo do estado español rematou os seus estudos universitarios fronte a un 45,6 % no caso dos homes.
  2. No estado español a porcentaxe de mulleres que teñen unha formación superior ao traballo que desempeñan supera en catro puntos ao dos homes.
  3. No estado español o 51,6% das persoas paradas son mulleres, segundo datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) elaborada polo INE.
  4. Soamente un 27% dos postos directivos das empresas medianas e grandes do estado está ocupados por mulleres.
  5. No ano 2018, a presenza de conselleiras no Ibex aumenta un 1,89%, pero a porcentaxe total de representación conxélase nun 23,7%, por debaixo da media europea do 26,7%.
  6. Case o 70% das persoas que cobran o salario mínimo ou menos son mulleres.
  7. As mulleres teñen que traballar 79 días máis o ano para gañar o mesmo que un home, a fenda salarial é unha das máis elevadas da Unión Europea.
  8. A pensión media das asalariadas é un 36% inferior á dos homes: 771,07 euros contra 1.210,26, segundo os datos da Seguridade Social.
  9. O 90% das persoas que reciben unha pensión de entre 350 e 400 euros son mulleres e menos de dúas de cada 10 chegan a acceder ás prestacións máis elevadas, aquelas que superan os 2.567 euros.
  10. No 2018, o salario medio mensual das mulleres foi de 1.618,1 euros, 500 euros menos que o percibido polos homes, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE).
  11. Máis do 90% das excedencias por coidado familiar son empregadas polas mulleres.
  12. O 12,98 % das mulleres con fillas e fillos teñen un contrato a tempo parcial, mentres que no caso dos pais esa proporción rolda o 1,85 %.
  13. O 21,5% das mulleres que traballan o fan por horas, fronte ó 9,5% dos homes ocupados.
  14. As mulleres dedican ó día 4 horas con 45 min máis de media ás tarefas do fogar (incluíndo o coidado infantil) que os homes e os homes destinan unha hora e media máis ao tempo de lecer.

Ante estes datos que podemos facer:

  1. Sensibilizarse e tomar conciencia sobre os datos sinalados que fan visible a realidade na que vivimos (empregos “feminizados” con peores condicións e salarios, maior esixencia na formación e desempeño, menor representación en postos de mando, reparto desigual de tarefas domésticas e de coidados e do goce do tempo de lecer…).
  2. Educar en igualdade para que non se sigan perpetuando os roles e estereotipos machistas (xoguetes sexistas, actitudes nenos-líderes-agresivos/nenas-coidadoras-cariñosas, recomendación de estudos en función do sexo,…) que dan despois lugar ás desigualdades.
  3. Cambiar as nosas actitudes tanto en homes como en mulleres:
    a. Que as mulleres sexan mais activas e teñan maiores expectativas ante os empregos (negociar os soldos, esixir iguais condicións e trato, aspirar ós mesmos postos,…).
    b. Que os homes se impliquen máis no fomento da igualdade (que respecten que as mulleres teñan postos por riba deles, que se solidaricen coas súas compañeiras ante tratos desiguais, que reclamen ás empresas poder facer uso de medidas de conciliación e coidado ,…).
  4. Que o traballo doméstico e de coidados sexa repartido de xeito igualitario e colaborativo.
    a. Que as mulleres tamén tomen conciencia de que o reparto das tarefas domésticas e de coidado é responsabilidade de todas as persoas que forman parte do fogar (non facer todo unha porque o outro non sabe, porque o fai dun xeito que non nos gusta ou demorando máis da conta).
    b. Que os homes tomen conciencia de que con axudar non basta, senón que é necesario facerse cargo do 50% que lles corresponde, asumindo as súas responsabilidades no fogar e nos coidados.
  5. Esixir leis que aseguren a igualdade laboral para mulleres e homes (medidas de conciliación da vida persoal e laboral) e que nas empresas se cumpran esas normativas.