Sin categoría

O obradoiro “Meteolab” sobre meteoroloxía e clima chega a Nigrán

Que é o efecto invernadoiro? ou como se moven as masas de aire? son algunhas das preguntas ás que dará resposta o obradoiro sobre meteoroloxía e clima “Meteolab”, que chega a Nigrán o vindeiro xoves, 7 de marzo, no marco do proxecto de divulgación científica Ciudad Ciencia, impulsado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), con dúas sesións dirixidas a estudantes de 2º e 4º da ESO do instituto Val Miñor.

Este obradoiro, elaborado e impartido por persoal investigador do Instituto de Xeociencias (CSIC- UCM) e da Facultade de Físicas da Universidade Complutense de Madrid, convida os participantes a descubrir as xeociencias dunha maneira lúdica e participativa. Trátase dun conxunto de obradoiros nos que se explicarán mediante experimentos sinxelos conceptos fundamentais sobre a física da atmosfera e o clima. Entre as propostas os participantes descubrirán aspectos relacionados co cambio climático, o vento, a presión e a temperatura, a precipitación e as nubes ou o océano.

Ciudad Ciencia lanzouse en marzo de 2012 e conta coa colaboración de máis de 40 municipios co fin de que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. Ao longo do curso 2019-2020 Ciudad Ciencia seguirá crecendo coa incorporación de novas localidades.