A CEMMA presenta os primeiros resultados do proxecto TurGaSur

No pasado mes de decembro, a CEMMA puxo en marcha o proxecto «TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000», contando co apoio do Ministerio para la Transición Ecológica a través da Fundación Biodiversidad.

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto LIFE IP INTEMARES “Xestión integrada, innovadora e participativa da Rede Natura 2000 no medio mariño español”, que coordina o MITECO, a través da Fundación Biodiversidad, e que constitúe o maior proxecto de conservación do medio mariño que se está executando nestes momentos en Europa.

O obxectivo xeral de TurGaSur é contribuír á conservación dos arroaces (Tursiops truncatus) a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e da participación social.

Para poder realizar os traballos de monitorización dentro do proxecto, a CEMMA conta con autorizacións administrativas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Xunta de Galicia, e da Subdirección General para la Protección del Mar-Ministerio para la Transición Ecológica, xa que os arroaces son unha especie protexida.

Liñas de actuación TurGaSur

A principal actuación é a realización de mostraxes para a fotoidentificación dos arroaces nas áreas Rede Natura 2000 da Ría de Vigo, contando coa participación social dun numeroso grupo de más de 110 voluntariad@s. A fotoidentificación consiste na obtención de fotografías das aletas dorsais dos arroaces para poder recoñecer de xeito individual a cada un dos exemplares, mediante as marcas propias e características que presenta cada individuo. Constitúe un verdadeiro Carné de Identidade para cada un dos exemplares, e permite obter información sobre os seus desprazamentos, relacións sociais e uso do hábitat.

A segunda acción consiste na elaboración do Catálogo dos arroaces rexistrados en Galicia, no cal estará incluída unha serie de información básica sobre cada exemplar: onde, cando e con quen foi rexistrado, e no caso das femias, información sobre a súa reprodución.

Por último, cabe destacar a importancia da participación social no proxecto TurGaSur. Ademais do voluntariado, calquera persoa particular poderá achegar información sobre avistamentos de arroaces, dende calquera punto da costa galega, contactando coa CEMMA a través do seguintes medios:

– teléfono 112 SOS Galicia.

– teléfono/whatsapp da CEMMA: 686989008

– correo electrónico: cemmaorganizacion@gmail.com

Nestes casos, deberán aportar información básica sobre o avistamento: lugar, hora, número de exemplares e comportamento. Será moi importante se é posible dispoñer de fotografías destes avistamentos, principalmente das aletas dorsais dos animais.

Arroaces na Mariña

Os días 20 e 21 de febreiro, detectouse a presenza dos arroaces na Mariña de Lugo, a través dos avistamentos realizados por Xan Vizoso e a empresa Maremasma, colaboradora da CEMMA dende hai anos. En ambos casos, os observadores recolleron material fotográfico que posteriormente foi enviado ao equipo técnico da CEMMA que forma parte do proxecto TurGaSur.

Logo de revisar estas fotografías, foi posible clasificar e determinar a presenza de 8 arroaces que presentaban aletas dorsais ben marcadas. Estas aletas rexistradas na Mariña foron comparadas co banco de imaxes que se está a analizar dentro do proxecto TurGaSur, e deste xeito, obtívose un dos primeiros resultados do proxecto: entre estes atópanse 2 exemplares que foron rexistrados o pasado 15 de xaneiro, durante a mostraxe TurGaSur TGS02, realizada pola CEMMA na Ría de Vigo.

Trátase dos exemplares coñecidos como RAC e FLASH, presumiblemente machos, e vellos coñecidos nas Rías Baixas dende os anos 2006 e 2011, respectivamente.

Ao arroaz TX136-RAC coñecémolo na CEMMA dende 2006, cando foi rexistrado por primeira vez na zona sur de Galicia, onde amosa unha presenza bastante regular dende 2009, aínda que algúns anos desaparece desta área. No 2009 atopámolo na Coruña, dende onde baixou de novo cara o sur, e ata 2014 estivo en Pontevedra, onde coincidiu con FLASH. Logo pasou a Vigo, onde estivo ata o ano pasado. Poida que teña experiencia na realización de longas viaxes percorrendo a costa. Ultimamente é observado frecuentemente acompañando a FLASH, un exemplar que podería ser máis experimentado e competitivo.

O exemplar TX218-FLASH, posiblemente sexa un macho novo. É coñecido pola CEMMA dende 2011, e dende aquela, a súa presenza é regular no sur de Galicia case todos os anos.

No 2011 estaba en Pontevedra, de onde pode ser que sexa nativo. No 2014 viaxou a Ferrol, e logo baixou a Vigo, onde navega habitualmente á par de RAC. Pode que esta sexa a súa primeira viaxe longa ata as augas do Cantábrico.

Entre o 15 de xaneiro e o 20 de febreiro, estes dous exemplares desprazáronse dende a Ría de Vigo, cara as augas do Cantábrico, deixando atrás as Rías Baixas, pasando o Cabo Fisterra, percorrendo A Costa da Morte e virando a Estaca de Bares ata chegar á Mariña de Lugo, percorrendo máis de 1.000 quilómetros.

Apenas existe información sobre os arroaces referida a este tipo de desprazamentos de longo recorrido, realizados nun espazo de tempo tan reducido, polo que este resultado que presentamos se trata dun feito de grande relevancia e interese a nivel científico.

Agradecemos a atención dos colaboradores da CEMMA presentes na costa da Mariña, Xan Vizoso e Maremasma, que comunicaron estes importantes rexistros e aportaron material fotográfico dos avistamentos. E animamos a toda a xente da Mariña a que comunique á CEMMA os avistamentos de arroaces nesa zona, pois sabemos que alí non son residentes habituais, e normalmente atópanse en tránsito cara ao Golfo de Biskaia.

2019-03-05 - FOTO-CEMMA3-2019-01-15-FLAS-RAC

Anuncios